O divino sainete/Canto VII

O divino sainete.


O divino sainete - Canto VII       Manuel Curros Enríquez      
 



   Cansos do longo camiño,
pra dar ás forzas reparo
cun par de pingas de viño,
   Xa a expedición terminada,
o primeiro que fixemos
foi procurarnos pousada.
   Traballo custou, por certo,
topar sitio aqueta noite
onde nos pór a cuberto;
   Pois a lexión penitente,
querendo ganar a groria
todo o máis comodamente,
   Colléranos a dianteira
e non deixou pra on remedio
pousada... nin pousadeira.
   -Deo gratias -Añón dicta
batendo as portas, i en todas
repóñenlle: -¡Andate vía!
   -¿Seique non hai hospedaxe
pra nós, Mestre? -interrogueille,
disimulando o coraxe.
   -¡Seique non! -¡Outra como ela!
-Roma non quer pelegrinos
sin alforxa e carabela.
   Se en vez de brazo baldeiro
trouxéramos del colgado
un cabás cheo de diñeiro,
   Outro galo nos cantara...
¿Que muro un cañón non dcita
se bala de ouro dispara?
   Hache servir de goberno:
pra irmos ó ceo hoxe en día
compre permiso do inferno.
   -Se sei que non collo casa,
non veño. -A Igrexa e a langostra,
alí onde cai, todo o arrasa.

                    —

   Así falando o grorioso,
íbamos por unha rúa
que ó Tibre sai cenagoso,
   Cando un mesón vendo a xeito
entramos, e o dono púxonos
forte mesa e limpo leito.
   Non puden dormir: sofrira
tanto por todo o viaxe,
tan cativas cousas vira,
   Que mil impresiós extrañas
tivéronme toda a noite
pensando nas musarañas.
   Pola mañá o pousadeiro
deunos a conta -dez liras;
pero, non tendo diñeiro,
   Añón, con papel e pruma
púxose a esquirbir estrofas,
hastra compretar a suma.
   -Aí tes -non ben il termina
dille-, e pois que nos tratache
cal reis, colle esa propina-.
   I a lira dourada espindo
que trai pendurada ó lombo,
garda-fronteiro do Pindo,
   Deulla e foise da hostería,
deixando ó patrón atóneto,
parvo de tanta ousadia.
   Con que lle tiña pagado
Añón, non o soupen nunca.
Cecais cun himno... ó papado.
   O sacrosanto nagocio
con que León XIII festexa
súa entrada no sazardocio
   Chegara xa, i era un dia
de xaneiro condanado
polo cerzo que corría.
   A rouca vos das campanas
enchia os aires de estrondos
chamando ás xentes cristianas
   E víanse en ringuileiras
xurdir por todas as rúas
os romeiros... i as rameiras.
   Todos van pro Vaticano;
alí ten que misar hoxe
o Pontífece romano,
   I o santo ritual ordea
que quen queira ser ausolto
é menester que alí estea.
   Seguindo a pos da romaxe
Añón i eu repostos, xuntos
i en boa camaradaxe
   Da mutua fe pra desmedro
entramos baixo das bóvedas
da catedral de San Pedro.
   Aquelo era un grande río
de ouro, de pelras, de rasos...
¡Canta luz! ¡Canto xentio!
   Nos vidros dos lumiares
os santos, en mirra envoltos,
cos seus nimbos estrelares,
   Pasmados de tal grandeza,
chóscanse o olio, dicindo:
"¡Como ha de ser!..." coa cabeza.
   De pronto, por toda a nave
oise un marmullo de asombro
e sigue un silencio grave.
   O Papa trepa no estrado,
bota a bendición ó pobo
que o contempra entusiasmado.
   E cando os olios se enxerguen
todas as testas se baixan,
todas as nádegas se erguen.
   Homillación tan compreta
vendo, quedei sonroxado;
mais, pra calmarme, o poeta:
   -É nesa autitú cristiana
-dixo- en que os biólogos fundan
nosa orixen cuadrumana,
   Perdida a garra i o rabo
desque a selva primitiva
deixou, pra ser home ó cabo,
   Sóio cando a pór se presta
de bruces, mostra o católico
que antes de selo foi besta.
   Non botes en saco roto
esta adevertencia, fillo,
pois sei de máis de un devoto
   Pra quen toda a cencía é vana
que sempre que ora confirma
a teoría darwiniana.

                    —

   O Papa, nesto, vestido
de albos tisúes e brocados,
de ouro e de pedras cinguído,
   Alzou con pulso seguro
a hostia, que a min de lonxe
semelloume un peso-duro.
   Voces entón arxentinas
encheron a inmensa cúpula
dunhas notas tan divinas,
   Dunha música tan grata,
que parez que a tocan ánxeles
soprando en trompas de prata.
   E logo outras voces inda
máis doces e máis soaves,
dunha cadencia máis linda
   Sentín, de harmonía tanta,
que de perguntar ó vate
non puden menos: -¿Quen canta?
   -¡Quen ha de ser!, ¡malpocados!
Quitoulles a Igrexa o xénero;
non ten nome; son... castrados.
   Na loita da santidade
aquí a muller perde... a honra,
i o home... a virilidade-.
   Tal dixo Añón, e calouse
a tempo que do Tu es Petrus
o himno xigante escoitouse.
   -¡Non! -berrei, fervendo en ira,
encarándome co Papa-.
¡O que che din é mentira!
   ¡Quen do vilipendio humano
vive, no é Pedro, é Xudas;
non é Cristo, é Diocleciano!

                    —

   Por sorte, canto eu dicía
nadia o entendeu entre aquela
formidabre sinfonía.
   Acabada a misa, o Papa
subiu nunhas andas de ouro
que levan cardeás con capa,
   I ó pasar polo meu lado
dixome: -Agárdote as doce;
hemos comer un bocado.-
   Cáxeque morto de asombro
quedei; consulte! ó vello,
i o vello, encollendo o ombro,
   Repricoume: -Acode á cita.
-Non vou soio. -Eu te acompaño.-
E propareime á visita.

Anterior:
Canto VI
O divino sainete Seguinte:
Canto VIII