Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005/Título II
Proposta de Estatuto para Galicia Bloque Nacionalista Galego 2005
Título II: Principios reitores das políticas públicas
editarArtigo 34. Política Social
editar1. Os poderes públicos galegos están comprometidos coa democratización de todos os aspectos da vida pública e co logro dun réxime avanzado de liberdades e dereitos políticos, económicos e sociais posto ao servizo da igualdade, a solidariedade, a equidade, a cohesión social e o progreso material e cultural.
2. Os poderes públicos adoptarán as medidas precisas para garantir a igualdade entre as persoas e os grupos en que se integran, a participación de todos e todas na vida política, social, económica e cultural de Galiza, a solidariedade interxeracional e a extensión dos beneficios dos servizos públicos e da protección social a todas as persoas que residan en Galiza, con independencia da súa orixe e nacionalidade.
Artigo 35. Política económica
editar1. A política económica terá como obxectivos fundamentais o logro dun desenvolvemento autocentrado e sustentábel, o pleno emprego, a igualdade de oportunidades, o desenvolvimento da sociedade da información e a correción das desigualdades territoriais e sociais.
2. Os poderes públicos galegos promoverán a innovación empresarial, o desenvolvimento dos sectores produtivos básicos que valorizan os recursos humanos, naturais e culturais de Galiza e o ciclo completo no país dos procesos produtivos en que aqueles recursos foren empregados.
3. Os poderes públicos galegos asumen a obriga de garantir a todos os galegos e a todas as galegas o dereito a viver e traballar na propria terra.
4. A iniciativa pública exercerase en igualdade de condicións coa iniciativa económica privada, para asegurar o control público de actividades e sectores estratéxicos, a prestación universal dos servizos públicos básicos e a realización de accións innovadoras de interese xeral podendo empregar para tal fin os recursos das institucións públicas de crédito.
5. Os traballadores e traballadoras autónomas, as empresas pequenas e meias e a economía social serán obxecto de especial alento e proteción polos poderes públicos de Galiza.
6. As caixas de aforros, en cooperación cos poderes públicos galegos, destinarán de forma preferente os seus recursos ao financiamento da economía produtiva, a innovación e a protección social en Galiza.
7. Integran en todo caso o dominio público galego as augas interiores e exteriores, as costas, o mar territorial e o espazo radioeléctrico.
Artigo 36. Política territorial
editarOs poderes públicos desenvolverán unha política de ordenación territorial sustentábel que garanta o equilibrio entre as diferentes zonas do país, o acceso de todos os cidadáns aos servizos públicos básicos e a proteción do ambiente e a paisaxe.
Artigo 37. Política Ambiental
editar1. A protección do meio ambiente natural, a prevención de calquer dano ou menoscabo do mesmo así como a reparación integral dos causados é tarefa principal dos poderes públicos de Galiza.
2.O principio de sustentabilidade informará as políticas públicas e, en particular, a industrial, a enerxética, de transporte, florestal, agrícola, gandeira, pesqueira e marisqueira.
Artigo 38. Principio de Precaución
editarO principio de precaución informará as políticas públicas en especial en materia de investigación científica e técnica e de aplicación prática dos seus resultados.
Artigo 39. Política cultural.
editar1.O pobo galego, depositario dun amplo patrimonio cultural, está dotado de identidade propia. É obriga dos poderes públicos galegos defender, conservar, pór en valor e difundir este patrimonio e a produción cultural en todos os seus ramos, así como promover a identidade de Galiza.
2. De conformidade co estabelecido no artigo 25, garántese o dereito das persoas e dos grupos a participaren na vida cultural, así como a accederen á cultura sen discriminacións. En especial, os poderes públicos removerán os atrancos que impidan a igualdade e libertade cultural dos individuos e dos grupos en que se integran e promoverán o acceso igualitario de toda a cidadanía ás redes de comunicación e transmisión da información.
Artigo 40. Principio de transversalidade de xénero.
editar1. Os poderes públicos galegos integrarán en todas as súas políticas e accións, a todos os niveis o obxectivo de eliminar as desigualdades existentes por razóns de sexo e promover a igualdade de mulleres e homes.
2. Os poderes públicos galegos avaliarán o impacto de xénero das propostas políticas e normativas co obxecto de promover as que contribúan á igualdade de xénero e eliminar aqueloutras que perpetúen as desigualdades de mulleres e homes.
Anterior: Título I |
Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005 | Seguinte: Título III |