Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005/Título III
Proposta de Estatuto para Galicia Bloque Nacionalista Galego 2005
Título III: Poderes públicos galegos
editarArtigo 41. Poderes Públicos
editarOs poderes de Galiza, que emanan do Pobo galego, exerceranse a través do Parlamento, do Goberno de Galiza, e do Poder Xudicial.
Capítulo I: O Parlamento Galego
editarArtigo 42. Natureza.
editar1. O Parlamento representa o Pobo Galego, constitúe a institución central do debate político, exerce a potestade lexislativa, impulsa e controla a acción política e de goberno, e desempeña as restantes competencias que lle sexan atribuídas no presente Estatuto ou no seu Regulamento.
2. O Parlamento é inviolábel.
Artigo 43. Composición e elección.
editar1. O Parlamento estará integrado por Deputados e Deputadas elexidos para un periodo de catro anos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto.
2. A Lei electoral garantirá unha equilibrada e axeitada representación territorial, no marco dun sistema proporcional, así como a participación paritaria de homes e mulleres.
3. Os Deputados e Deputadas, nos termos que estabeleza o Regulamento do Parlamento, poderán formular rogos, preguntas, interpelacións e proposicións, alén da facultade de exercitar a iniciativa lexislativa.
4. Os membros do Parlamento serán inviolábeis polos actos, votos e opinións que emitan no exercicio do seu cargo, aínda despois de cesaren no seu mandato. Durante o seu mandato non poderán ser detidos nin retidos polos actos delictuosos cometidos no territorio de Galiza, agás no caso de flagrante delito, correspondendo decidir, en todo o caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Fóra do ámbito territorial de Galiza a responsabilidade penal será exixíbel nos mesmos termos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.
Artigo 44. Organización e réxime de funcionamento.
editar1. O Parlamento elixirá de entre os seus membros un Presidente ou unha Presidenta, unha Mesa e unha Deputación Permanente.
2. O Parlamento aprobará por maioría cualificada o seu propio Regulamento que determinará o seu réxime de sesións, a formación dos grupos parlamentares, a elección, composición e funcionamento da Mesa e da Deputación Permanente, así como aqueloutras cuestións que afecten aos procedementos lexislativos e de control político e da acción de Goberno.
3. O Parlamento aprobará o seu orzamento e estabelecerá o estatuto do persoal ao seu servizo.
4. O Parlamento funcionará en Pleno e en Comisións, que poderán ter carácter permanente ou temporal. Nas Comisións estarán representados todos os grupos parlamentares en proporción ao número de membros no Pleno. As Comisións permanentes poderán ter competencia lexislativa plena, sen prexuízo da capacidade do Pleno para avocar o seu debate e aprobación en calquera momento do proceso lexislativo. O Parlamento poderá constituir comisións de investigación para asuntos de interese xeral.
5. O Parlamento celebrará sesións ordinarias ou extraordinarias. As sesións extraordinarias convocaranse polo seu Presidente a petición dunha quinta parte dos seus membros, da Deputación Permanente ou do Goberno de Galiza.
6. Os acordos serán adoptados como regra xeral por maioría dos membros presentes, sen prexuízo das maiorías especiais que estabeleza o presente Estatuto ou as Leis. Para que os acordos sexan válidos o Parlamento deberá contar coa asistencia da maioría dos seus membros.
Artigo 45. Funcións.
editarAo Parlamento Galego correspóndenlle as seguintes funcións:
a. Excercer a potestade lexislativa.
b. Aprobar os orzamentos anuais, así como a planificación estratéxica plurianual.
c. Elexir, entre os seus membros, ao Presidente ou Presidenta de Galiza.
d. Impulsar e controlar a acción do Goberno Galego exixindo, de ser o caso, a responsabilidade política do Goberno e do seu Presidente.
e. Controlar a adaptación da lexislación delegada e a ratificación ou validación, no seu caso, dos Decretos lexislativos e dos Decretos leis que, en situacións de necesidade extraordinaria e urxente, promungar o Goberno.
f. Presentar Proposicións de Lei perante as Cortes Xerais ou solicitar do Goberno do Estado a adopción de Proxectos de Lei.
g. Designar aos Senadores que han de representar a Galiza no Senado, asegurando en todo o caso unha axeitada representación proporcional dos grupos parlamentares.
h. Propor os membros que han de integrar o Consello Xudicial Galego, así como no caso doutras altas institucións de Galiza, de conformidade con este Estatuto e as Leis que o desenvolvan.
i. Interpór recursos de inconstitucionalidade.
j. As demais que lle sexan asignadas por este Estatuto, polo seu Regulamento ou polas Leis.
Artigo 46. Elaboración das Leis.
editar1. As Leis de desenvolvemento estatutario básico regularán o desenvolvemento dos dereitos e liberdades recoñecidos neste Estatuto, as institucións básicas de Goberno, a ordenación territorial e administrativa básica de Galiza, o réxime electoral e aquelas materias que sexan consideradas básicas no presente Estatuto. A súa aprobación, derrogación ou reforma exixirá a maioría absoluta do Pleno do Parlamento.
2. As Leis ordinarias aprobaranse por maioría simples dos asistentes, sempre que estean presentes no momento da votación a maioría dos membros do Parlamento.
3. O Parlamento poderá delegar no Goberno a potestade de ditar normas con rango de lei, que receberán o nome de Decretos lexislativos.
4. A delegación lexislativa deberá outorgarse de forma expresa, para materia concreta, con determinación expresa e precisa do seu alcanzo e con fixación de prazo para o seu exercicio. Non poderá entenderse concedida de xeito implícito nen por tempo indeterminado, sen que caiba tampouco a subdelegación en autoridades distintas ou inferiores ao Goberno.
5. Cando o obxecto da delegación parlamentar for a elaboración dun texto articulado, aprobarase unha lei de bases, que fixará os principios e criterios para o seu exercicio, sen que en caso ningún poda autorizar o modificar a propria lei de bases nin autorizar a emanación de normas retroactivas.
6. Se o obxecto da delegación for a redacción dun texto refundido, o Parlamento aprobará unha lei ordinaria de delegación, que especificará o ámbito legislativo a refundir, determinando se a delegación alcanza simplesmente a formular un texto único, sen criazón ex novo de dereito ou se, pola contra, permite regularizar, esclarecer e harmonizar os textos legais que han ser refundidos con certo grao de innovación xurídica. No seu caso, a lei de delegación precisará se a refundición pode integrar, xunto cos de rango legal, textos regulamentares.
7. O control do exercicio da lexislación delegada poderá efetuarse a meio da ratificación parlamentar do Decreto lexislativo, sen prexuízo do control xudicial e de calquer outro control adicional que o Parlamento poda incluir na lei de delegación.
8. As Leis aprobadas polo Parlamento serán promulgadas polo Presidente de Galiza e publicadas no Diario Oficial de Galiza.
Artigo 47. Iniciativa lexislativa.
editar1. A iniciativa lexislativa corresponde aos Deputados e Deputadas, ao Parlamento e ao Goberno de Galiza.
2. Asimesmo, recoñécese a iniciativa popular para a presentación de Proposicións de Lei perante o Parlamento de Galiza, naquelas materias do ámbito competencial das institucións galegas. O seu exercicio será regulado através dunha Lei de desenvolvemento estatutario básico.
Artigo 48. Consulta popular de decisións políticas.
editar1. O Parlamento, por iniciativa da maioría dos seus integrantes, poderá someter a referéndum as decisións políticas de especial transcendencia que atinxan a materias de ámbito competencial das institucións galegas.
2. Asimesmo, tamén poderán ser sometidas a referéndum decisións políticas de especial transcendencia por iniciativa de, como mínimo, o 5% dos electores. Neste caso, o Parlamento tramitará e debatirá a petición, podendo formular un texto alternativo á iniciativa popular para ser sometido conxuntamente ao corpo electoral.
3. Unha Lei de desenvolvemento estatutario básico regulará as distintas modalidades de referéndum, conforme co previsto neste Estatuto, como ferramenta para impulsar a participación política cidadán.
Capítulo II: O Presidente de Galiza
editarArtigo 49. A Presidencia do Goberno de Galiza.
editar1. O Presidente ou a Presidenta do Goberno será elixido polo Parlamento Galego de entre os seus membros e será nomeado polo Xefe de Estado.
2. O Presidente ou a Presidenta do Parlamento, ouvida a Mesa, determinará a data en que será convocado o Pleno para a elección do Presidente do Goberno.
3. Os Grupos Políticos con representación parlamentar apresentarán perante a Mesa del Parlamento as propostas de candidatos e candidatas. Os candidatos e as candidatas presentarán o seu programa ao Parlamento. Resultará elixido Presidente ou Presidenta o candidato ou candidata que obtiver maioría absoluta da Cámara en primeira votación ou o candidato ou candidata máis votado nas votacións sucesivas. En todo caso, transcorridos tres meses desde as eleccións sen se ter producido a investidura do Presidente ou da Presidenta do Goberno, disolverase o Parlamento e convocaranse novas eleccións.
4. O Presidente ou Presidenta do Goberno será politicamente responsábel perante o Parlamento. A Lei de desenvolvemento estatutario básico reguladora do Goberno de Galiza determinará o alcanzo de tal responsabilidade, así como as incompatibilidades e atribucións do Presidente.
Artigo 50. Competencias do Presidente ou Presidenta do Goberno de Galiza.
editarCorrespóndelle ao Presidente ou Presidenta do Goberno de Galiza:
a. Dirixir e coordinar a acción do Goberno, así como ostentar a representación
de Galiza e a ordinaria do Estado en Galiza.
b. Promulgar as Leis, Decretos Lexislativos, Decretos Leis e Decretos do
Goberno de Galiza.
c. Disolver o Parlamento de Galiza mediante Decreto, que fixará a data de
convocatoria das eleccións, previa consulta e deliberación do Consello do
Goberno. En ningún caso caberá disolver a cámara se non transcorreu un ano
desde a súa constitución.
d. Suscribir acordos e convenios de colaboración con outras Comunidades
Autónomas.
e. Nomear e cesar os Conselleiros e Conselleiras.
Capítulo III: Do Goberno
editarArtigo 51. O Goberno de Galiza.
editar1. O Goberno de Galiza é o órgano colexiado de goberno que dirixe a política interior e exterior de Galiza, así como a Administración Pública Galega.
2. O Goberno de Galiza está composta polo Presidente, Vicepresidente ou Vicepresidentes, se for o caso, e máis os Conselleiros.
3. Os Vicepresidentes e Conselleiros serán nomeados e cesados polo Presidente mediante Decreto.
4. Unha Lei de desenvolvimento estatutario básico regulará a organización do Goberno e as atribucións e o estatuto persoal dos seus compoñentes. Os seus membros non poderán exercer outras funcións representativas que as propias do mandato parlamentar, nin función pública distinta da que derive do seu cargo, nin actividade profisional ou mercantil de ningunha caste.
5. O Goberno de Galiza responde politicamente perante o Parlamento de forma solidaria, sen prexuízo da responsabilidade directa de cada un dos seus compoñentes, pola súa xestión.
6. Os membros do Goberno, durante o seu mandato e polos actos delictuosos cometidos no territorio de Galiza, non poderán ser detidos nin retidos a non ser en situación de flagrante delicto, correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
7. O Goberno cesa tras a celebración de eleccións ao Parlamento de Galiza, nos casos de perda de confianza parlamentar, demisión ou falecemento do seu Presidente. A Xunta cesante continuará en funcións até a toma de posesión da novo Goberno.
Artigo 52. As competencias do Goberno de Galiza.
editar1. O Goberno exerce a función executiva e a potestade regulamentaria de acordo con este Estatuto, a Constitución e as Leis.
2. Correspóndelle á Xunta ditar Decretos Lexislativos nos casos de delegación expresa do Parlamento, axustándose ao contido da Lei de Bases que aprobe o Parlamento. En caso ningún poderá delegarse a lexislación sobre materias reservadas a Leis de desenvolvimento estatutario básico.
3. En caso de extrema e urxente necesidade, o Goberno poderá ditar normas con rango de Lei que recibirán o nome de Decretos-Lei. Estas normas non poderán regular as institucións básicas da Comunidade Autónoma, os dereitos e libertades dos cidadáns nin o rexime eleitoral, nin afectaren a materias reservadas ás leis de desenvolvimento estatutario básico. No prazo de 30 días deberán someterse a debate e votación no Parlamento de Galiza, que se pronunciará sobre a súa validación ou derrogación total ou parcial.
4. O Goberno de Galiza poderá interpór recursos de inconstitucionalidade e presentarse ante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na Constitución e na Lei Orgánica do Tribunal Constitucional.
Capítulo IV: Administración pública galega
editarArtigo 53. A Administración pública galega.
editar1. A Administración pública galega serve con obxectividade os intereses xerais da Galiza e actúa dacordo cos principios de transparencia, eficacia, interdición da arbitrariedade, desconcentración, coordenación e boa administración, con sometimento pleno á Lei e ao Dereito.
2. A Lei regulará o réxime xurídico das administracións galegas, o procedemento de actuación, o estatuto dos funcionarios públicos galegas, o acceso á función pública dacordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, o sistema de incompatibilidades e as garantías para a imparcialidade no exercicio das súas funcións.
Artigo 54. Organización territorial de Galiza.
editar1. Galiza organízase territorialmente en concellos e comarcas que teñen personalidade xurídica de seu e gozan de autonomía para o exercicio das súas funcións.
2. Os concellos son as entidades locais básicas de Galiza e as canles de participación cidadá nos asuntos públicos. Os órganos de goberno dos concellos integraranse por membros elixidos por sufraxio libre, segredo, igual, directo e universal.
3. As comarcas teñen como finalidade primordial a cooperación e a coordinación dos concellos e a prestación integral dos servizos locais necesarios para o benestar de tódos os cidadáns galegos. Os órganos de goberno das comarcas integraranse por representantes de tódolos concellos integrantes do mesmo.
4. Poderán crearse outras agrupacións de concellos e de comarcas coa finalidade, entre outras, de garantir unha satisfactoria prestación de servizos, de facilitar un axeitado exercicio das competencias e de recoñecer as singularidades territoriais de Galiza, nomeadamente a urbana e a metropolitana.
5. A lei regulará o estatuto xurídico e as competencias das parroquias rurais como unidade de organización e de participación no ámbito municipal.
Artigo 55. Competencia do Goberno de Galiza sobre as súas institucións territoriais de autogoberno
editar1. No exercicio da súa competencia exclusiva sobre réxime local, e dentro do
respecto ao principio de autonomía local, correspóndelle a Galiza:
a. A delimitación do número, territorio e poboación das entidades locais galegas.
Tanto na determinación do seu número como na súa delimitación garantirase
unha racionalización eficaz do mapa territorial e o respecto ás tradicionais
formas de convivencia e asentamento de Galiza. Con este fin o Goberno
favorecerá, nos termos que estableza a lei, os procesos de agregación
municipal.
b. A regulación do réxime electoral local.
c. A regulación básica do réxime de organización e funcionamento dos entes
locais.
d. A determinación das competencias locais, de acordo co establecido neste
Estatuto.
e. A regulación básica de todo o persoal ao servizo dos entes locais e dos seus
bens patrimoniais.
f. A regulación básica do seu réxime financeiro e fiscal, no que se garantirán os
principios de autonomía e suficiencia financeira.
g. A efectiva coordinación das competencias dos entes locais e o control de
legalidade sobre o funcionamento e actuación.
2. No exercicio das súas competencias o Goberno garantirá a participación entidades locais nas materias que lles atinxan e respectará a diversidade territorial e poboacional de Galiza.
3. A regulación do réxime local galego farase por Lei de desenvolvemento estatutario básico.
Artigo 56. Relacións do Goberno de Galiza cos seus entes locais
editar1. As relacións entre o Goberno de Galiza e os entes locais galegos basearanse nos principios de respecto á autonomía local, subsidiariedade, complementariedade, lealdade institucional, cooperación e eficacia.
2. O Goberno de Galiza poderá delegar o exercicio das súas funcións administrativas nos entes locais recoñecidos neste Estatuto.
Artigo 57. Competencias dos entes locais
editar1. De acordo coa súa capacidade, corresponde aos concellos o desempeño de todas as competencias relativas á comunidade local, en tanto as leis non dispuxeren outra cousa.
2. A lei garantirá o dereito dos concellos e dos demais entes locais a participaren en cantos asuntos afecten directamente á comunidade local que os sustenta, atribuíndolles as potestades e competencias precisas.
3. Para alén das competencias específicas que a lei determine, corresponderá en todo caso ás comarcas e entidades metropolitanas o exercicio daquelas competencias que os municipios sexan incapaces de exercer satisfactoriamente por si proprios ou, no seu caso, en asociación con outros.
Capítulo V: Poder xudicial
editarArtigo 58. O exercicio do Poder Xudicial en Galiza
editar1. O Poder Xudicial será exercido en Galiza polos Xuíces e Maxistrados integrantes dos Xulgados e Tribunais radicados en territorio galego.
2. Aqueles asuntos cuxa competencia pertenza en primeira instancia a un órgano xurisdiccional galego esgotarán as sucesivas instancias procesuais en Tribunais radicados en Galiza, cuxa competencia se extende a todas as ordes, instancias e graos, sen prexuízo das competencias do Tribunal Supremo en materia de unificación de doutrina, así como da competencia do Tribunal Constitucional, do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos nos ámbitos que lles corresponden.
3. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza culminará a organización xudicial en Galiza. Será competente para a resolución dos recursos de casación e revisión e, en xeral, da última instancia procesual en todas as ordes, cando corresponda. Así mesmo, resolverá os conflitos de competencia e xurisdición entre aqueles órganos xurisdicionais galegos que non posúan outro superior xerárquico común.
4. Con respecto aos preitos iniciados na Galiza, o Tribunal Supremo, como órgano superior do Poder Xudicial do Estado, terá a competencia para a unificación da doutrina nos casos que a lei determine, así como para a resolución dos conflictos de competencia e xurisdicción entre os órganos xurisdiccionais galegos con aqueles outros radicados fóra do territorio do País.
Artigo 59. O Consello Xudicial de Galiza
editar1. O goberno do Poder Xudicial no territorio galego corresponderá ao Consello Xudicial de Galiza, que exercerá as súas funcións en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial.
2. As funcións do Consello Xudicial de Galiza, así como a súa composición e réxime de funcionamento estabeleceranse por unha Lei de desenvolvemento estatutario básico. En todo caso, corresponderanlle o exercicio en Galiza das competencias que a lexislación estatal outorga ao Consello Xeral do Poder Xudicial e, nomeadamente, as faculdades de inspección de Xulgados e Tribunais, a consulta e informe sobre a actividade lexislativa e administrativa que afecte ao Poder Xudicial en Galiza, a aplicación dos criterios esenciais fixados na lexislación galega e na Lei Orgánica do Poder Xudicial a respecto da selección, provisión, carreira, formación, réxime disciplinar e retribucións de Xuíces e Maxistrados.
3. Integrarán o Consello Xudicial de Galiza Xuíces, Maxistrados e outros xuristas de recoñecido prestixio que teñan desenvolvido a súa carreira de xeito significativo na Galiza, no número que a Lei de desenvolvemento estatutario básico determine. Parte dos seus integrantes serán propostos polo Parlamento Galego a través dunha maioría cualificada de tres quintos, sendo os restantes, cuxo número será inferior cando menos nun membro aos propostos polo Parlamento Galego, designados polo Consello Xeral do Poder Xudicial.
4. O Consello Xudicial Galego elexirá, de entre os membros propostos polo Parlamento, ao seu Presidente, que o será tamén do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Artigo 60. O Ministerio Fiscal en Galiza
editar1. A organización e funcionamento do Ministerio Fiscal en Galiza será regulada por unha Lei de desenvolvemento estatutario básico do Parlamento Galego, de acordo cos principios sinalados na Lei Orgánica do Poder Xudicial e no Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal.
2. O Fiscal Xefe de Galiza será nomeado a proposta do Parlamento de Galiza por maioría de dous terzos.
Artigo 61. Dereitos dos cidadáns perante os Xulgados e Tribunais
editar1. Os poderes públicos galegos e o persoal xurisdicional e ao servizo da Administración de Xustiza en Galiza garanten o dereito de todos os cidadáns a accederen á xustiza en condicións de igualdade de condicións e a obteren un xuízo xusto.
2. A xustiza será gratuita para as entidades e persoas que acrediten insuficiencia de recursos para litigar ou para obter asesoramento legal.
Artigo 62. A Administración de Xustiza
editar1. Os poderes públicos galegos exercerán todas as faculdades que as Leis Orgánicas do Poder Xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial atribúen á Administración estatal.
2. Os poderes públicos galegos fixarán a delimitación das demarcación xudiciais e determinarán a súa planta tendo en conta, entre outros criterios, os límites dos actuais partidos xudiciais e as características xeográficas e de poboación.
3. Por Lei de desenvolvemento estatutario básico do Parlamento de Galiza crearanse os Corpos funcionariais ao Servizo da Administración de Xustiza, regulando os aspectos relativos ao acceso, provisión de prazas, e estatuto xurídico.
4. A Policía galega desenvolverá funcións de policía xudicial.
Artigo 63. As Notarías e Rexistros
editarOs Notarios e Rexistradores da propriedade e Mercantís serán nomeados polos poderes públicos galegos, de conformidade coas leis que ao respecto aprobe o Parlamento Galego dentro dos principios xerais fixados pola lexislación do Estado. Nos concursos e oposicións para a obtención destas prazas será requisito a especialización en dereito galego e o coñecemento da lingua galega. Esta lei determinará o procedimento para que a Administración de Galiza fixe as demarcacións correspondentes aos Rexistros da Propiedade e Mercantís e ás Notarías, para acomodalas ás características xeográficas e poboacionais propias do País.
Artigo 64. Política penitencial
editarO Parlamento de Galiza promungará unha Lei de desenvolvemento estatutario básico reguladora do Sistema Penitencial Galego, que se inspirará nos principios de tratamento progresivo e reinserción.
Capítulo VI: Altas institucións de Galiza
editarArtigo 65. O Valedor do Pobo
editar1. O Valedor do Pobo é o Alto Comisionado do Parlamento de Galiza para a defensa dos dereitos e liberdades recoñecidos neste Estatuto, na Constitución e na Declaración Universal de Dereitos Humanos e demais instrumentos internacionais de aplicación en Galiza.
2. Será elixido polo Parlamento de Galiza para un período de seis anos entre persoas de recoñecido prestixio profisional e social.
3. Unha lei de desenvolvemento estatutario básico estabelecerá o réxime do Valedor do Pobo, prevendo as figuras de dous Vicevaledores, e integrando asemade na súa organización e funcionamento aos Valedores sectoriais previstos neste Estatuto.
Artigo 66. O Tribunal de Contas
editar1. O Tribunal de Contas de Galiza encárgase da fiscalización das contas e da xestión económico-financeira e contábel e máis tamén do axuizamento en materias desta natureza. Exercerá as súas funcións xurisdicionais e doutra caste en relación coa execución dos programas de ingresos e gastos do sector público da Comunidade Autónoma.
2. Unha lei de desenvolvemento estatutario básico estabelecerá o réxime do Tribunal de Contas. Os seus maxistrados serán nomeados polo Parlamento de Galiza por un periodo de seis anos entre especialistas de recoñecido prestixio cun mínimo de dez anos de exercicio profisional.
Artigo 67. O Consello Consultivo de Galiza
editar1. O Consello Consultivo de Galiza é a instancia superior consultiva da Comunidade Autónoma, que ditaminará sobre a adecuación estatutaria dos proxectos e proposicións de lei e velará pola observancia do resto do ordenamento xurídico en cantos asuntos se lle atribúan por lei de Galiza.
2. Unha lei de desenvolvemento estatutario básico estabelecerá o réxime de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galiza, así como o estatuto dos seus membros.
Artigo 68. O Consello Económico, Ecolóxico e Social
editarO Consello Económico, Ecolóxico e Social de Galiza é o ente que garante a participación dos axentes económicos, sociais e ambientais na elaboración das políticas públicas e asesora o Goberno en materia económica, social e ambiental. O estatuto dos seus membros así como o seu rexime de organización e funcionamento estabelecerase por lei.
Artigo 69. O Instituto de Galiza
editar1. O Instituto de Galiza é a institución suprema de defensa, promoción e representación da cultura e da lingua galega. Nel se integran o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Fondo Cultural Galego e outras entidades que a lei determine.
2. Por lei do Parlamento de Galiza regularase a organización e funcións do Instituto de Galiza e das entidades integradas nel.
Anterior: Título II |
Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005 | Seguinte: Título IV |