Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005/Título IV
Proposta de Estatuto para Galicia Bloque Nacionalista Galego 2005
Título IV: Das relacións institucionais de Galiza
editarCapítulo I: Relacións de Galiza co Estado
editarArtigo 70. Principios reitores
editarAs relacións de Galiza co Estado fúndanse nos principios de igualdade, lealdade mutua, cooperación, colaboración, solidariedade e información recíprocas.
Artigo 71. Representantes de Galiza nas institucións estatais comúns
editarOs poderes públicos galegos designarán os seus representantes nas institucións estatais comúns e, en concreto, no Tribunal Constitucional, Consello Xeral do Poder Xudicial, o Banco de España, Radio Televisión Española e os entes reguladores dos mercados de valores, enerxéticos e das telecomunicacións, así como naquelas outras autoridades administrativas independentes, institucións financeiras e empresas públicas cuxa actuación incida nas competencias ou intereses de Galiza.
Artigo 72. Comisión Mixta Galiza - Estado
editar1. Sen prexuízo dos órganos multilaterais de colaboración, a Comisión Mixta Galiza - Estado, formada por igual número de representantes do Goberno galego e do estatal, será o órgano preferente para a cooperación mutua, a resolución dos conflitos que podan surxir e máis a intervención de Galiza na elaboración das políticas e decisións estatais que afecten ás competencias e intereses das institucións galegas.
2. A Comisión Mixta Galiza-Estado intervirá, entre outros, nos seguintes asuntos:
a. Na planificación, elaboración e seguimento conxuntos das políticas económicas e de regulación de mercados que afecten a Galiza.
b. Na participación dos representantes de Galiza nos organismos económicos, institucións financeiras e empresas públicas que actúan en Galiza.
c. Na formulación dunha nova metodoloxía de planificación económica, que garanta unha participación real e efectiva das institucións galegas nas decisións relativas á dirección e planificación xeral da economía.
d. Na elaboración e seguimento conxunto da política exterior e de defensa, naqueles aspectos que afecten ao territorio, ás competencias e aos intereses de Galiza.
e. Nas materias en que o Estado e Galiza teñan competencias concorrentes, así como nas que o Estado ostente potestades de coordenación.
Capítulo II: Relacións de Galiza coa Unión Europea
editarArtigo 73. Participación de Galiza nos órganos da Unión Europea
editar1. O Goberno Galego participará, con poder vinculante, na representación do Estado, nas sesións do Consello Europeo nas que se aborden asuntos relativos ás competencias exclusivas de Galiza ou que afecten aos sinais de identidade de Galiza.
2. Asimismo, o Goberno Galego será previamente consultado, a fin de conformar a vontade estatal, sobre aqueles asuntos nos que ostente competencias partilladas ou cando se tratar planos ou programas que afecten ao desenvolvemento socioeconómico de Galiza por parte dos órganos da Unión Europea
Artigo 74. Lexitimación perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea
editarAs institucións políticas galegas poderán presentar directamente recursos perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea por causa de actos das institucións comunitarias europeas e dos Estados membros da Unión Europea que atenten contra os intereses de Galiza ou violen o ordenamento xurídico europeo, así como defender os actos e normas das institucións galegas cando sexan postos en causa nas institucións europeas.
Artigo 75. Relacións do Parlamento da Galiza co Parlamento Europeo
editar1. Galiza constitúese en circunscrición electoral nas eleccións para o Parlamento Europeo.
2. O Parlamento de Galiza criará unha Oficina de Relacións co Parlamento Europeo coa finalidade de facilitar o coñecemento recíproco das actividades, acordos e documentos xerados por ambas Cámaras e posibilitar contactos periódicos entre os seus membros.
Artigo 76. Incorporación de Galiza á Representación Permanente dos Estados na Unión Europea
editarO Goberno do Estado español, a proposta do Goberno de Galiza, incorporará á súa representación permanente na Unión Europea un delegado de Galiza, que recibirá instrucións correspondentes deste e perante o cal deberá render contas.
Capítulo III: Proxección exterior de Galiza
editarArtigo 77. Relacións exteriores
editar1. O Goberno de Galiza criará, baixo o nome de Delegación Xeral de Galiza, unha Oficina de representación institucional da Galiza nos países onde considere conveniente facelo, tanto en atención á significación política, económica ou cultural que para Galiza poidan ter eses países, como en función da presenza neles de comunidades galegas cuantitativa ou cualitativamente significativas.
2. Nos casos nos que non sexa posíbel contar cunha representación institucional propria no exterior, Galiza poderá designar representantes nas embaixadas e consulados do Estado español para atender asuntos relacionados cos seus trazos de identidade ou coas súas competencias exclusivas.
Anterior: Título III |
Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005 | Seguinte: Título V |