Proposta dun Novo Estatuto para Euskadi/Título VI


Título VI.- Do réxime de relación política co ámbito europeo e internacional

editar

Capítulo Primeiro.- Das Relacións con Europa

editar

Artigo 65.- Unión Europea

editar

1. O Estado incorporará os compromisos derivados do presente Estatuto aos Tratados da Unión Europea nos termos que corresponda, en orde a garantir o seu recoñecemento e respecto no ámbito europeo.

2. De conformidade coa normativa comunitaria europea, a Comunidade de Euskadi disporá de representación directa nos órganos da Unión Europea. Para ese efecto, o Goberno español habilitará as canles precisas para posibilitar a participación activa do Goberno Vasco nos diferentes procedementos de toma de decisións das Institucións Comunitarias naqueles asuntos que afecten ás súas competencias.
Así mesmo, os representantes das Institucións vascas formarán parte das delegacións do Estado no Consello de Ministros da Unión Europea en todos aqueles asuntos que afecten ao contido das políticas públicas que lles son exclusivas.

3. O Goberno Vasco e o Goberno español arbitrarán os sistemas de coordinación precisos que garantan a participación efectiva da Comunidade de Euskadi na elaboración, programación, distribución e execución dos diferentes fondos comunitarios.

4. Corresponderá ás Institucións vascas a transposición das Directivas Comunitarias no ámbito das súas competencias.

5. O Estado garantirá o acceso das Institucións vascas ao Tribunal Europeo de Xustiza, sempre que non se atope previsto o seu acceso directo na normativa Europea.

6. A Comunidade de Euskadi constituirá unha circunscrición electoral única no ámbito das eleccións ao Parlamento Europeo.

Artigo 66.- Cooperación Transfronteiriza e Interrexional Europea

editar

As Institucións vascas, en aplicación do principio de subsidiariedade, promoverán a cooperación transfronteiriza e interrexional no ámbito da Unión Europea, como instrumento básico sobre o que edificar a construción dunha Europa baseada no recoñecemento dos seus diferentes pobos e colectividades rexionais como factor de enriquecemento cultural e de profundización democrática.

Capítulo Segundo.- Das Relacións Exteriores

editar

Artigo 67.- Representación exterior

editar

1. As Institucións Públicas Vascas desenvolverán fóra do Territorio da Comunidade de Euskadi a actividade necesaria para a defensa e a promoción dos intereses dos cidadáns e cidadás vascas, podendo subscribir, para ese efecto, acordos, convenios e protocolos con institucións e organismos internacionais, nos ámbitos da súa propia competencia.

2. A tal fin, a acción exterior do Goberno Vasco contará cos recursos humanos e materiais necesarios, incluíndo, no seu caso, a creación de delegacións e oficinas de representación no exterior, cuxo estatuto será regulado por Lei do Parlamento Vasco.

3. A Comunidade de Euskadi poderá ter presenza directa en todos aqueles organismos internacionais cuxa propia regulación de acceso e participación así o permita e, en especial, nos relacionados coa lingua, a cultura, a paz, a defensa dos dereitos humanos e a cooperación, o desenvolvemento sostible e o medio ambiente.

4. Os Centros Vascos no exterior terán recoñecemento oficial e constituirán un instrumento esencial para o mantemento dos vínculos da Comunidade de Euskadi cos membros das comunidades vascas no exterior, así como para o desenvolvemento e fomento das relacións comerciais, culturais, políticas e institucionais cos países nos que estes se sitúan.

Artigo 68.- Tratados e Convenios Internacionais

editar

1. A formalización por parte do Goberno español de tratados e convenios internacionais que supoñan unha alteración ou restrición das competencias recollidas no presente Estatuto Político esixirá a autorización previa das Institucións Comúns vascas.

2. O Goberno Vasco participará, en canto parte implicada, no desenvolvemento das negociacións de tratados e convenios internacionais desenvoltos polo Goberno español, así como nos proxectos de lexislación aduaneira, en tanto afecten a materias de interese específico para a Comunidade de Euskadi.

3. A Comunidade de Euskadi executará os tratados e convenios internacionais en todo o que afecte ás súas atribucións e competencias.

Capítulo Terceiro.- Da Cooperación ó Desenvolvemento

editar

Artigo 69.- Solidariedade e Cooperación ó Desenvolvemento

editar

A Comunidade de Euskadi poderá desenvolver unha política propia de solidariedade e de cooperación cos países en vías de desenvolvemento, establecendo para ese efecto os programas e acordos pertinentes cos países e zonas destinatarias, así como coas organizacións non gobernamentais e as institucións públicas e privadas que resulte preciso para garantir a efectividade e eficacia das políticas de cooperación.

Anterior:
Título V
Proposta dun Novo Estatuto para Euskadi Seguinte:
Disposición adicional