Cantares gallegos/Dixome nantronte ó Cura


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1872 (2ª edición) [1]
 



9.


   Dixome nantronte ó Cura
Qu' é pecado...
Mais aquel de tal fondura
Como ó facer desbotado.

   Dalle que dalle ó argadelo,
Noite e día,
E pensa e pensa n' aquelo,
Porfía que te porfía...

   Sempre malla que te malla,
Enchendo á cunca,
Porque ó que ó diancre traballa
Din que acaba tarde ou nunca.

   Canto máis digo: ¡arrenegado!
¡Demo fora!
Mais ó demo endemoncrado,
M' atenta dempois y agora.

   Mais ansias teño, mais sinto,
¡Rematada!,
Que non me queira Jacinto,
Nin solteira, nin casada.

   Porque d' este ou d' outro modo,
A verdá digo,
Quixera atentalo e todo,
Como m' atenta ó enemigo.

   Que é pecado... miña almiña!
Mais que sea;
¿Cal non vay, s' é rapaciña,
Buscando ó que ben desea?

   Nin podo atopar feitura
Nin asento,
Que me está dando amargura,
Sempre este mal pensamento.

   Din que parês lagarteiro
Desprumado,
S' é verdad, ¡meu lagarteiro
Tén-m' o coraçon prendado!

   Cara de pote fendido,
Ten d' alcume;
Mellor que descolorido
Queró o tostado do lume.

   S' elas calente miraran,
Meu amore,
Nin toliña me chamaran,
Nin ti me fixeras dore.

   Vino unha mañán d' orballo,
 mañecida,
Durmindo ô pé d' un carballo,
Enriba d' a erba mollida.

   Arrimeime paseniño
A súa veira,
E sospiraba mainiño
Como brisa mareeira.

   E tiña á boca antr' aberta,
Com' un neno,
Que mirand' ó ceu desperta
Deitadiño antr' ó centeno.

   I as guedellas enrisadas
lle caian,
Cal ovellas en manadas,
Sobre as froliñas qu' abrían.

   ¡Meu Dios! ¡quen froliña fora
Das d' aquelas...
Quen as erbas qu' en tal hora,
O tiñan pretiño d' elas!

   ¡Quen xiada, quen orballo,
Qu' ó mollou!
¡Quen aquel mesmo carballo
Que c' as pónlas ó abrigou!

   Mentras qu' asi ó contempraba
Rebuleu,
E pensei que m' afogaba,
O corazonciño meu.

   Bate que bate, batia
Sin parar,
Mais eu tembrando decía,
Agora ll' e hei de falar.

   E volveu á rebulir
Moi paseniño,
¡Ai!, e votei á fuxir,
Lixeira pó-lo camiño.

   Dempois, chora que te chora
Avergonzada,
Dixen:—S' el non me namora,
Non lle direi nunca nada.

   E non me namora, non
¡Maldizoado!
Mentras ó meu corazón
Quérelle anque sea pecado.

   E vai tras d' outras mociñas,
Tan contento,
Y eu, con unhas cadiñas
Prendíno ô meu pensamento.

   E que queira, que non queira,
Está comigo,
Y á postre, y á derradeira,
Con él m' atenta ó enemigo.

   ¡Sempre malla que te malla
Enchendo á cunca!
Y é qu' é qu' ó demo traballa,
Acabará tarde ou nunca.

   Por eso, an qu' ó Cura dixo
Qu' é pecado,
Mal que tanto mal me fixo,
Nunca ó darei desbotado.

  1. Este poema non aparece na primeira edición, de 1863.



<<<< >>>>