Abrir o menú principal

Cantares gallegos/Fun un domingo


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 



              6.  (7.) [1]


 Fun un domingo,
 Fun pó la tarde,
 Có sol que baixa
 Tras dos pinares,
 C' as nubes brancas
 Sombra dos ánxeles,
 C' as palomiñas
 Qu' as alas baten,
 Con un batido
 Manso, e suave,
 Atravesando
 Vagos celaxes
 Mundos estraños
 Qu' en rayos parten
 Ricos tesouros
 D' ouro e diamante.
 Pasin os montes,
 Montes e valles,
 Pasin llanuras,
 E soledades:
 Pasin os regos,
 Pasin os mares,
 Con pés enxoitos
 E sin cansarme.


 Colleum' a noite,
 Noite brillante,
 C' un-ha luniña
 Feita de xaspes,
 E fun con ela
 Camiño adiante;
 C' as estreliñas
 Para guiarme,
 Qu' aquel camiño
 Solo elas saben.

 Dempois á aurora
 Có seu sembrante,
 Feito de rosas
 Veu á alumbrarme;
 E vin estonces
 Antr' o ramaxe
 D' olmos e pinos,
 Acobexarse,
 Branca casiña
 Con palomare,
 Dond' as pombiñas
 Entran e sayen.
 N' ela s' escoitan
 Doces cantares,
 N' ela garulan
 Mozos galantes
 C' as rapaziñas
 D' outros lugares,
 Tod' é contento,
 Tod' é folgare,
 Mentras a pedra
 Bate que bate,
 Mole que mole,
 Dalle que dalle,
 Con lindo gusto
 Faille compases.

 Non hay sitiño
 Que mais m' agrade,
 Qu' aquel muhiño
 D' os castañares;
 Dond' hay meniñas,
 Dond' hay rapaces,
 Que ricamente
 Saben loitare.
 Donde rechinan
 Hasta cansarse,
 Mozos e vellos,
 Nenos e grandes;
 E anque non queren
 Qu' aló me baixe
 Sin qu' o soupera
 Ná casa naide,
 Fun á o muhiño
 D' o meu compadre,
 Fun pó lo vento,
 Vin pó lo aire.


  1. Levou o número "6." na primeira edición (1863) e o "7." na segunda edición (1872), corrixida e aumentada.



<<<< >>>>