Cantares gallegos/Si á vernos, Marica, nantronte viñeras


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1872 (2ª edición) [1]
 



31.


                    I.

   Si á vernos, Marica, nantronte viñeras
 festa d' o Seixo n' a beira d' o mar,
Ti riras, Marica, cal nunca te riches
Debaixo d' os pinos d' o verde pinar.

                    

   Â sombra d'os pinos, Marica, ¡que cousas
Chistosas pasaron! que rir toleiron!
Relouca d' arriba, relouca d' abaixo,
Iñamos, viñamos y ó bombo... pon.... pon.

                    

   As cóchegas brandas, as loitas alegres,
Os berros, os brincos, os contos sin fel,
Todiños peneques, alegres todiños.....
Y á nosa Señora detrás d' o tonel.


                    II.

   Coitada! que festa brandida perdeche!.....
Cantáras, bebéras, dormíras, y así
N' un feixe miráras rolar xuntamente
Mociños e vellos d' aquí par' ali.

                    

   Co á vista trubada, c' os ollos dormentes
Sorrindo, comendo, pifando é ainda mais,
Qu' apertos, qu' olladas tan chuscas trocaban
As nenas de xenio c' os mozos de Cáis!

                    

   Debaixo d' os ricos pareauguas de seda
Qu' abertos formaban tamaño rodel,
Todiños chispados, qué cousas decian!
Y á nosa Señora detrás d' o tonel.


                    III.

   Mais ela decote tan grav' e e soberba,
Tan fina d' oído, tan curta de mans,
Xordiña quedára, falando por sete,
Con probes e ricos, con porcos é cans.

                    

   Meu amo folgado de tanta largueza,
Que n'era costume na dona tal ver,
Tamén ¡miña xoya! saltando da burra,
¡Pin! ¡pan! río arriba botouse á correr.
 
                    

   Y á dona sorría con ollo entraberto,
Comendo castañas e viño con mel.....
¡Que festa, Marica!..... Todiños peneques.....
Y á nosa señora detrás d' o tonel.
 

  1. Este poema non aparece na primeira edición, de 1863.



<<<< >>>>