Constitución española de 1931/Título VII
Constitución Española:Título VII Cortes Españolas
TÍTULO VII: Xustiza
editarArtigo 94
A xustiza adminístrase en nome do Estado.
A República asegurará aos litigantes economicamente necesitados a gratuidade da xustiza.
Os xuíces son independentes na súa función. Só están sometidos á lei.
Artigo 95
A Administración de xustiza comprenderá todas as xurisdicións existentes, que serán reguladas polas leis.
A xurisdición penal militar quedará limitada aos delitos militares, aos servizos de armas e á disciplina de todos os Institutos armados.
Non poderá establecerse foro algún por razón das persoas nin dos lugares. Exceptúase o caso de estado de guerra, con arranxo á lei de Orde pública.
Quedan abolidos todos os Tribunais de honra, tanto civís como militares.
Artigo 96
O presidente do Tribunal Supremo será designado polo xefe do Estado, a proposta dunha Asemblea constituída na forma que determine a lei.
O cargo de presidente do Tribunal Supremo só requirirá: ser español, maior de corenta anos e licenciado en Dereito. Comprenderanlle as incapacidades e incompatibilidades establecidas para os demais funcionarios xudiciais.
O exercicio da súa maxistratura durará dez anos.
Artigo 97
O presidente do Tribunal Supremo terá, ademais das súas facultades propias, as seguintes
a) Preparar e propor ao Ministro e á Comisión Parlamentaria de xustiza, leis de reforma xudicial e dos Códigos de procedemento.
b) Propor ao Ministro, de acordo coa Sala de goberno e os asesores xurídicos que a lei designe, entre elementos que non exerzan a Avogacía, os ascensos e traslados de xuíces, maxistrados e funcionarios fiscais.
O presidente do Tribunal Supremo e o Fiscal xeral da República estarán agregados, de modo permanente, con voz e voto, á Comisión Parlamentaria de xustiza, sen que iso implique asento na Cámara.
Artigo 98
Os xuíces e maxistrados non poderán ser xubilados, separados nin suspendidos nas súas funcións, nin trasladados dos seus postos, senón con sujeción ás leis, que conterán as garantías necesarias para que sexa efectiva a independencia dos Tribunais.
Artigo 99
A responsabilidade civil e criminal en que poidan incorrer os xuíces, maxistrados e fiscais no exercicio das súas funcións ou con ocasión delas, será esixíbel ante o Tribunal Supremo con intervención dun xurado especial, cuxa designación, capacidade e independencia regulará a lei. Exceptúase a responsabilidade civil e criminal dos xuíces e fiscais municipais que non pertenzan á carreira xudicial.
A responsabilidade criminal do presidente e os maxistrados do Tribunal Supremo e do Fiscal da República será esixida polo Tribunal de Garantías Constitucionais.
Artigo 100
Cando un Tribunal de xustiza haxa de aplicar unha lei que estime contraria á Constitución, suspenderá o procedemento e dirixirase en consulta ao Tribunal de Garantías Constitucionais.
Artigo 101
A lei establecerá recursos contra a ilegalidade dos actos ou disposicións emanadas da Administración no exercicio da súa potestade regulamentaria, e contra os actos discrecionais da mesma constitutivos de exceso ou desviación de poder.
Artigo 102
As amnistías só poderán ser acordadas polo Parlamento. Non se concederán indultos xerais. O Tribunal Supremo outorgará os individuais a proposta do sentenciador, do fiscal, da Xunta de Prisións ou a petición de parte.
Nos delitos de extrema gravidade, poderá indultar o Presidente da República, previo informe do Tribunal Supremo e a proposta do Goberno responsable.
Artigo 103
O pobo participará na Administración de Xustiza mediante a institución do xurado, cuxa organización e funcionamento serán obxecto dunha lei especial.
Artigo 104
O Ministerio Fiscal velará polo exacto cumprimento das leis e polo interese social.
Constituirá un só Corpo e terá as mesmas garantías de independencia que a Administración de xustiza.
Artigo 105
A lei organizará Tribunais de urxencia para facer efectivo o dereito de amparo das garantías individuais.
Artigo 106
Todo español ten dereito a ser indemnizado dos prexuízos que se lle irroguen por erro xudicial ou delito dos funcionarios xudiciais no exercicio dos seus cargos, conforme determinen as leis.
O Estado será subsidiariamente responsable destas indemnizacións.
Anterior: Título VI |
Constitución española de 1931 | Seguinte: Título VIII |