Constitución española de 1931/Título VIII


Constitución Española:Título VIII       Cortes Españolas      
 


TÍTULO VIII: Facenda pública

editar

Artigo 107

A formación do proxecto de Orzamentos corresponde ao Goberno; a súa aprobación ás Cortes. O Goberno presentará a estas, na primeira quincena de outubro de cada ano, o proxecto de Orzamentos xerais do Estado para o exercicio económico seguinte.

A vixencia do Orzamento será dun ano.

Se non puidese ser votado antes do primeiro día do ano económico seguinte prorrogarase por trimestres a vixencia do último Orzamento, sen que estas prórrogas poidan exceder de catro.

Artigo 108

As Cortes non poderán presentar emenda sobre aumento de créditos a ningún Artigo nin capítulo do proxecto de Orzamento, a non ser coa firma da décima parte dos seus membros. A súa aprobación requirirá o voto favorable da maioría absoluta do Congreso.

Artigo 109

Para cada ano económico non poderá haber senón un só Orzamento, e nel serán incluídos, tanto en ingresos como en gastos, os de carácter ordinario.

En caso de necesidade perentoria, a xuízo da maioría absoluta do Congreso, poderá autorizarse un Orzamento extraordinario.

As contas do Estado renderanse anualmente e, censuradas polo Tribunal de Contas da República, este, sen prexuízo da efectividade dos seus acordos, comunicará ás Cortes as infraccións ou responsabilidades ministeriais en que ao seu xuízo incorrinse.

Artigo 110

O Orzamento xeral será executivo polo só voto das Cortes, e non requirirá, para a súa vixencia, a promulgación do xefe do Estado.

Artigo 111

O Orzamento fixará a Débeda flotante que o Goberno poderá emitir dentro do ano económico e que quedará extinguida durante a vida legal do Orzamento.

Artigo 112

Salvo o disposto no Artigo anterior, toda lei que autorice ao Goberno para tomar caudais a préstamo, haberá de conter as condicións deste, incluso o tipo nominal de interese, e, no seu caso, da amortización da Débeda.

As autorizacións ao Goberno neste respecto limitaranse, cando así o estimen oportuno as Cortes, ás condicións e ao tipo de negociación.

Artigo 113

O Orzamento non poderá conter ningunha autorización que permita ao Goberno exceder no gasto a cifra absoluta nel consignada, agás en caso de guerra. En consecuencia, non poderán existir os créditos chamados ampliables.

Artigo 114

Os créditos consignados no estado de gastos representan as cantidades máximas asignadas a cada servizo, que non poderán ser alteradas nin pasadas polo Goberno. Por excepción, cando as Cortes non estiveren reunidas, poderá o Goberno conceder, baixo a súa responsabilidade, créditos ou suplementos de crédito para calquera dos seguintes casos:

a) Guerra ou evitación da mesma.

b) Perturbacións graves de orde pública ou inminente perigo delas.

c) Calamidades públicas.

d) Compromisos internacionais.

As leis especiais determinarán a tramitación destes créditos.

Artigo 115

Ninguén estará obrigado a pagar contribución que non estea votada polas Cortes ou polas Corporacións legalmente autorizadas para impola.

A exacción de contribucións, impostos e taxas e a realización de vendas e operacións de crédito, entenderanse autorizadas con arranxo ás leis en vigor, pero non poderán esixirse nin realizarse sen a súa previa autorización no estado de ingresos do Orzamento.

No entanto, entenderanse autorizadas as operacións administrativas previas, ordenadas nas leis.

Artigo 116

A lei de Orzamentos, cando se considere necesaria, conterá soamente as normas aplicables á execución do Orzamento a que se refira.

Os seus preceptos só rexerán durante a vixencia do Orzamento mesmo.

Artigo 117

O Goberno necesita estar autorizado por unha lei para dispor das propiedades do Estado e para tomar caudais a préstamo sobre o crédito da Nación.

Toda operación que infrinxa este precepto será nula e non obrigará ao Estado á súa amortización nin ao pago de intereses.

Artigo 118

A Débeda pública está baixo a salvaguardia do Estado. Os créditos necesarios para satisfacer o pago de intereses e capitais entenderanse sempre incluídos no estado de gastos do Orzamento e non poderán ser obxecto de discusión mentres se axusten estritamente ás leis que autorizaron a emisión. De idénticas garantías gozará, en xeral, toda operación que implique, directa ou indirectamente, responsabilidade económica do Tesouro, sempre que se dea o mesmo suposto.

Artigo 119

Toda lei que instituya algunha Caixa de amortización, axustarase ás seguintes normas:

1. Outorgará á Caixa a plena autonomía de xestión.

2. Designará concreta e especificamente os recursos con que sexa dotada. Nin os recursos nin os capitais da Caixa poderán ser aplicados a ningún outro fin do Estado.

3. Fixará a Débeda ou Débedas cuxa amortización se lle confíe.

O orzamento anual da Caixa necesitará para ser executivo a aprobación do Ministro de Facenda. As contas someteranse ao Tribunal de Contas da República. Do resultado desta censura coñecerán as Cortes.

Artigo 120

O Tribunal de Contas da República é o órgano fiscalizador da xestión económica. Dependerá directamente das Cortes e exercerá as súas funcións por delegación delas no coñecemento e aprobación final das contas do Estado.

Unha lei especial regulará a súa organización, competencia e funcións.

Os seus conflitos con outros organismos serán sometidos á resolución do Tribunal de garantías Constitucionais.


Anterior:
Título VII
Constitución española de 1931 Seguinte:
Título IX