O divino sainete/Canto VI

O divino sainete.


O divino sainete - Canto VI       Manuel Curros Enríquez      
 



   Diante de nós, entrámentes,
do Mediterráneo as olas
crechas e forforescentes,
   Da praia dende as áreas
veñen sobre o tren que pasa
cuspir, de coraxe cheas.
   Detrás quedábase Niza
eos seus alcazres de mármor,
envolta en néboa sombriza,
   E de Génova o sagrado
cemiterio, onde Mazzini
dorme satisfeito e honrado.
   Os reis negáronlle acobo
en vida. Os Papas trouxérono
errante de pobo en pobo;
   Mais iras e teimas tantas
non privaron que hoxe o mundo
adore súas cinzas santas.
   ¡Laudemus viros gloriosos
Homines magna virtude!...
excramei saudando os osos
   Do apostóle da unidade,
i Añón, dobrando os xoellos
dixo asistindo: -¡É verdade!-
   E posto en pe de contado
cal si de aquel homenaxe
estivese apesarado,
   Tornou: -A virtú i a groria
son sóio dignas de laude,
sancionadas pola Historia.
   Catón para o mundo enteiro
pasou por un gran romano,
e foi un grande usureiro.
   Shakespeare, o poeta ogro,
ise soñador, na granxa
de Avon daba gando ó logro.
   Cervantes, que inda hoxe pasa
por probé, en Madrí era dono
non menos que dunha casa.
   San Rosendo, bispo e asceta,
tido por célibe, agora
resúltanos... cunha neta...
   Pois se inda os da antigüedade
enganan, ¿que te prometes
dos homes da autualidade?
   Da sombra envoltos no enredo,
o sol da crítica agardan,
e pra que luza inda é cedo.
   -Unha vida toda enteira
ó patrio ben consagrada
é de por si unha fogueira.
   A Historia fará a Mazzini
xusticia-argüín-. ¿Acaso
é il menos que Mazzantini?-
   I Añón rosmou: -Desconfía
dos xuícios contemporáneos,
que ten a pasión por guía.-
   I entrando no vagón sesto,
fíxome boa a súa tesis
dicindo con mordaz xesto:
   -¿Conoces a iste? É un avaro:
prestoume us cartos ó trinta.
-Se pagache... non foi caro.
   -¿E iste?... -Tamén. É un libreiro:
pediume un tomo, escribinllo...
Quedóuseme co diñeiro.
   -¿I estoutro?... -Por unha leira
vendeu súa filla a un indiano,
como unha vaca na feira.
   -Pois ben: ises foraxidos
que á raza humana deshonran,
do mesmo inferno saídos,
   Mañán, polo xubileo
do Papa induluxenciados,
irán dereitos ó ceo.
   -¿Será verdá? -¡Vaia! E tanto,
que máis dun que hoxe arrenegas
terás que adorar por santo.
   O forno da idolatría
católica non se apaga,
i hache de chegar un día
   En que rece o repertorio:
"San Bras, pederasta: -tírase
ánema do Purgatorio".

                    —

   Nesta i outras, o poeta
contándome casos varios,
con verba aguda e discreta,
   De mulleres malcasadas
que do leito do adulterio
foron para o altar levadas,
   E de ladrós i asesinos
que con leigados piadosos
mercaron trunfos divinos,
   Meteume no derradeiro
furgón, todo el atestado
de xoias e de diñeiro.
   E sinalando as talegas
que están alí amontoadas
con onzas de ouro a fanegas,
   Arrodillándose dixo:
-¡Fíncate i adora ó santo
que máis maravillas fixo!
   Diante el abátese a serra,
incrínanse reverentes
as potestades da terra,
   I en celestes harmunías
fanlle dende o Empíreo salvas
os coros i as xerarquías.
   Eu, obedente ó mandato,
quiteime homilde o chapeo;
mais querendo, sin porcato,
   Bicar un saco daquiles,
vin que me apuntan coas armas
dúas parexas de civiles.
   -¡Se dás un paso, rabeas!-
berroume un deles, deixándome
mesmo sin sangue nas veas.
   Recuei entón espantado,
e tras do inmortal poñéndome
pra non morrer fusilado,
   Oín que Añón me decía:
-Pra que esto non che aconteza,
non biques, furta outro día.
   O ladrón sempre che escapa
con ben: todo ese tesouro
que vai de regalo ó Papa
   Éche o furto da protervia,
que da bulsa da Homildade
pasa ó ventre da Soberbia.
   Farto de ver cousas tales
iba xa, cando enxergamos
de Roma as cen catredales.
   O tren, dos frenos contido,
parou pouco a pouco; oíuse
un abouxador pitido,
   I entre nubes pardacentas
de vapor, baixamos todos
do coche a pisadas lentas.
   Xa en térra, os romeiros fieles,
rompendo en sagradas cantigas
en Roma entraron; tras deles
   Marchábamos nós falando,
de cando en cando sorrindo
e graves de cando en cando.
   Xa drento da Cibdá Santa
vendo nunha longa rúa
perderse a xente que canta,
   Dixo Añón: -¡Danme trembores
de pensar que han de ir ó ceo
tal fato de pecadores!-
   I eu: -Pois se son perdoados,
¡teña Dios misericordia
dos probes homes honrados!

Anterior:
Canto V
O divino sainete Seguinte:
Canto VII