Proposta dun Novo Estatuto para Euskadi/Título III


Título III.- Do Réxime de Relación Política e Institucional no Ámbito da Comunidade de Euskadi

editar

Capítulo Primeiro.- Das Institucións Vascas

editar

Artigo 31.- Institucións vascas

editar

As Institucións Vascas exercerán os poderes da Comunidade de Euskadi, de conformidade coas atribucións que lles asigna o presente Estatuto e as Leis. Aos efectos deste Estatuto, teñen a consideración de Institucións Comúns vascas o Parlamento Vasco, o Goberno Vasco e o Lehendakari, e as Institucións do Poder Xudicial na Comunidade de Euskadi.
Así mesmo son Institucións vascas as Institucións Forais privativas dos seus Territorios Históricos, as Xuntas Xerais e as Deputacións Forais. Do mesmo xeito, forman parte do marco institucional da Comunidade de Euskadi as súas Institucións Municipais.

Artigo 32.- Capitalidade

editar

A designación da Capital da Comunidade de Euskadi, así como a Sede das súas Institucións Comúns, farase mediante Lei do Parlamento Vasco.

Capítulo Segundo- Da institucionalización e as Relacións Internas

editar

Artigo 33.- Territorios Históricos

editar

1. Cada un dos Territorios Históricos que integran a Comunidade de Euskadi poderá, no seu seo, conservar e actualizar a súa organización e Institucións privativas de autogoberno. De acordo coa súa tradición histórica, son institucións forais dos Territorios Históricos as súas respectivas Xuntas Xerais e Deputacións Forais.

2. Para a elección dos órganos representativos dos Territorios Históricos atenderase a criterios de sufraxio universal, libre, directo, secreto e de representación proporcional, con circunscricións electorais que procuren unha representación adecuada de todas as zonas de cada Territorio.

Artigo 34.- Réxime de relación e repartición competencial

editar

1. Desde o respecto ao réxime foral privativo dos Territorios Históricos, o sistema de relación e repartición competencial entre as Institucións Comúns e Forais atenderá aos principios de colaboración, solidariedade, subsidiariedade e federalismo de execución.

2. Unha Lei do Parlamento Vasco articulará o réxime de relación e a repartición de atribucións e competencias entre as Institucións Vascas para o exercicio das facultades e competencias recoñecidas no presente Estatuto.

3. Garantirase a conservación e actualización, atendendo a criterios de mellora e modernización da súa funcionalidade para as políticas públicas, dun marco competencial que constitúa o réxime privativo de competencias de cada Territorio Histórico, de acordo coas seguintes materias:
a) Organización, réxime e funcionamento das súas propias Institucións de autogoberno.
b) Demarcacións Territoriais de ámbito supramunicipal que non excedan dos límites do territorio.
c) Réxime Electoral Municipal.
d) Réxime dos bens territoriais e municipais.
e) Estradas e camiños.
f) Establecemento e regulación, dentro do seu territorio, do réxime tributario, así como a exacción, xestión, liquidación, inspección, revisión e recadación dos correspondentes tributos, no marco da potestade tributaria recoñecida ás Institucións vascas no presente Estatuto e das normas de harmonización fiscal, coordinación e colaboración que estableza o Parlamento Vasco.
g) Todas aquelas que lle sexan atribuídas por Lei do Parlamento Vasco.

4. As Institucións Forais terán autonomía financeira e orzamentaria e disporán da súa propia Facenda para o adecuado exercicio e financiamento das súas facultades e competencias. Así mesmo, elaborarán e aprobarán anualmente os seus respectivos Orzamentos, que conterán a totalidade dos ingresos e gastos da súa actividade pública.

5. A coordinación e harmonización da Facenda Xeral de Euskadi coa Facenda das Institucións Forais levará a cabo de conformidade coas normas que para ese efecto dite o Parlamento Vasco.

Artigo 35.- Comisión Arbitral

editar

Os conflitos de competencia que se poidan suscitar entre as Institucións comúns da Comunidade de Euskadi e as de cada un dos seus Territorios Históricos someteranse á decisión dunha Comisión Arbitral, formada por un número igual de representantes designados libremente polo Goberno Vasco e pola Deputación Foral do territorio interesado, e presidida polo Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi, conforme ao procedemento que unha Lei do Parlamento Vasco determine.

Artigo 36.- Municipios Vascos

editar

Por Lei do Parlamento Vasco establecerase o réxime xurídico e de competencias dos Municipios Vascos, e regularase e protexerá a súa autonomía. A citada Lei Municipal atenderá aos principios básicos establecidos na Carta Europea de Autonomía Local e comprenderá a garantía de participación no marco vasco de relacións institucionais e na elaboración e coordinación de políticas públicas.

Anterior:
Título II
Proposta dun Novo Estatuto para Euskadi Seguinte:
Título IV