Abrir o menú principal


Cantiga do neno da tenda (Seis poemas galegos)       Federico García Lorca       1935
 


Bos Aires ten unha gaita
sobro do Río da Prata,
que a toca o vento do norde
coa súa gris boca mollada.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Aló, na rúa Esmeralda,
basoira que te basoira
polvo d'estantes e caixas.
Ao longo das rúas infindas
os galegos paseiaban
soñando un val imposíbel
na verde riba da pampa.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Sinteu a muiñeira d'ágoa
mentras sete bois de lúa
pacían na súa lembranza.
Foise pra veira do río,
veira do Río da Prata.
Sauces e cabalos núos
creban o vidro das ágoas.
Non atopou o xemido
malencónico da gaita,
non víu o imenso gaiteiro
coa boca frolida d'alas;
triste Ramón de Sismundi,
veira do Río da Prata,
víu na tarde amortecida
bermello muro de lama.



<<<< >>>>


Seis poemas galegos de Federico García Lorca
Madrigal á cibdá de Santiago - Romaxe de Nosa Señora da Barca - Cantiga do neno da tenda
Noiturnio do adoescente morto - Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta - Danza da lúa en Santiago