Noiturnio do adoescente morto


Noiturnio do adoescente morto (Seis poemas galegos)       Federico García Lorca       1935
 


Imos silandeiros orela do vado
pra ver ô adolescente afogado.

Imos silandeiros veiriña do ar,
antes que ise río o leve pr'o mar.

Súa i-alma choraba, ferida e pequena
embaixo os arumes de pinos e d'herbas.

Ágoa despenada baixaba da lúa
cobrindo de lirios a montana núa.

O vento deixaba camelias de soma
na lumieira murcha da súa triste boca.

¡Vinde mozos loiros do monte e do prado
pra ver ô adoescente afogado!

¡Vinde xente escura do cume e do val
antes que ise río o leve pr'o mar!

O leve pr'o mar de curtiñas brancas
onde van e vên vellos bois de ágoa.

¡Ay, cómo cantaban os albres do Sil
sobre a verde lúa, coma un tamboril!

¡Mozos, imos, vinde, aixiña, chegar
porque xa ise río m'o leva pra o mar!


<<<< >>>>


Seis poemas galegos de Federico García Lorca
Madrigal á cibdá de Santiago - Romaxe de Nosa Señora da Barca - Cantiga do neno da tenda
Noiturnio do adoescente morto - Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta - Danza da lúa en Santiago