Constitución española de 1978/Título I



Constitución do Reino de España


  Aprobada polas Cortes en sesións plenarias do Congreso dos Deputados  
e do Senado celebradas o día 31 de outubro de 1978,
ratificada polo pobo español en referendo do 6 do mesmo ano
e sancionada polo rei ante as Cortes o día 27 de decembro de 1978.
 


Índice

 

Título I: Dos dereitos e deberes fundamentais

editar

Artigo 10

editar
  1. A dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á lei e ós dereitos dos demais son fundamento da orde política e da paz social.
  2. As normas relativas ós dereitos fundamentais e ás liberdades que a Constitución recoñece interpretaranse conforme a Declaración universal dos dereitos humanos e os tratados e acordos internacionais sobre as mesmas materias ratificados por España.

Capítulo Primeiro: Dos españois e dos estranxeiros

editar

Artigo 11

editar
  1. A nacionalidade española adquírese, consérvase e pérdese de acordo co establecido pola lei.
  2. Ningún español de orixe poderá ser privado da súa nacionalidade.
  3. O Estado poderá concertar tratados de dobre nacionalidade cos países iberoamericanos ou con aqueles que tiveran ou teñan un particular vencello con España. Nestes mesmos países, aínda que non lles recoñezan ós seus cidadáns un dereito recíproco, poderán naturalizarse os españois sen perderen a súa nacionalidade de orixe.

Artigo 12

editar

Os españois son maiores de idade ós 18 anos.

Artigo 13

editar
  1. Os estranxeiros gozarán en España das liberdades públicas que garante o presente título nos termos que establezan os tratados e maila lei.
  2. Só os españois serán titulares dos dereitos recoñecidos no artigo 23, non sendo o que, atendendo criterios de reciprocidade, poida establecerse por tratado ou lei para o dereito de sufraxio activo e pasivo[1] nas eleccións municipais.
  3. A extradicción non se concederá senón en cumprimento dun tratado ou da lei, atendendo o principio da reciprocidade. Quedan excluídos da extradicción os delictos políticos, non considerándose como tales os actos de terrorismo.
  4. A lei establecerá os termos en que os cidadáns doutros países e mailos apátridas poderán gozar do dereito de asilo en España.

Capítulo Segundo: Dereitos e liberdades

editar

Artigo 14

editar

Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Sección 1.ª: Dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas

editar
Artigo 15
editar

Todos teñen dereito á vida e á integridade física e moral, sen que, en caso ningún, poidan ser sometidos a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes. Queda abolida a pena de morte, salvo o que se poida dispoñer nas leis penais militares para tempos de guerra.

Artigo 16
editar
  1. Garántese a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto dos individuos e das comunidades sen máis limitación, nas súas manifestacións, cá necesaria para a conservación da orde pública, protexida pola lei.
  2. Ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas.
  3. Ningunha confesión terá carácter estatal. Os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa católica e as demais confesións.
Artigo 17
editar
  1. Toda persoa ten dereito á liberdade e á seguridade. Ninguén poderá ser privado da súa liberdade, senón coa observancia do establecido neste artigo e nos casos e na forma previstos pola lei.
  2. A detención preventiva non poderá durar máis do tempo estrictamente necesario para a realización das indagacións tendentes ó esclarecemento dos feitos, e, en todo caso, no prazo máximo de setenta e dúas horas, o detido deberá ser posto en liberdade ou á disposición da autoridade xudicial.
  3. Toda persoa detida debe ser informada de forma inmediata, e de modo que lle sexa comprensible, dos seus dereitos e das razóns da súa detención, sen que poida ser obrigada a declarar. Garántese a asistencia do avogado ó detido nas dilixencias policiais e xudiciais, nos termos que a lei estableza.
  4. A lei regulará un procedemento de habeas corpus para que se produza a inmediata posta á disposición xudicial de toda persoa detida ilegalmente. Igualmente, determinarase por lei o prazo máximo de duración da prisión provisional.
Artigo 18
editar
  1. Garántese o dereito ó honor, á intimidade persoal e familiar e mais á propia imaxe.
  2. O domicilio é inviolable. Ningunha entrada ou rexistro poderá facerse nel sen consentimento do titular ou resolución xudicial, non sendo en caso de manifesto delicto.
  3. Garántese o segredo das comunicacións e, en especial, das postais, telegráficas ou telefónicas, non sendo en caso de resolución xudicial.
  4. A lei limitará o uso da informática para que se garanta o honor e maila intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.
Artigo 19
editar

Os españois teñen dereito a elixir libremente a súa residencia e a circularen por todo o territorio nacional.

Tamén teñen dereito a entrar e saír libremente de España nos termos que a lei estableza. Este dereito non poderá ser limitado por motivos políticos ou ideolóxicos.

Artigo 20
editar
  1. Recoñécense e protéxense os dereitos:
a) A expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reproducción.
b) Á producción e creación literaria, artística, científica e técnica.
c) Á liberdade de cátedra.
d) A comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión. A lei regulará o dereito á cláusula de conciencia e ó segredo profesional no exercicio destas liberdades.
2. O exercicio destes dereitos non pode restrinxirse mediante ningún tipo de censura previa.
3. A lei regulará a organización e control parlamentario dos medios de comunicación social dependentes do Estado ou de calquera ente público e garantirá o acceso ós citados medios dos grupos sociais e políticos significativos, respectando o pluralismo da sociedade e das diversas linguas de España.
4. Estas liberdades teñen o seu límite no respecto ós dereitos recoñecidos neste título, nos preceptos das leis que os desenvolven e, especialmente, no dereito ó honor, á intimidade, á propia imaxe e á protección da mocidade e da infancia.
5. Só poderá acordarse o secuestro de publicacións, gravacións e outros medios de información en virtude de resolución xudicial.
Artigo 21
editar
  1. Recoñécese o dereito de reunión pacífica e sen armas. O exercicio deste dereito non necesitará autorización previa.
  2. Nos casos de reunión en lugares de tránsito público e manifestacións daráselle comunicación previa á autoridade, que só as poderá prohibir cando existan razóns fundadas de alteración da orde pública, con perigo para persoas ou bens.
Artigo 22
editar
  1. Recoñécese o dereito de asociación.
  2. As asociacións que persigan fins ou empreguen medios tipificados como delicto son ilegais.
  3. As asociacións constituídas ó abeiro deste artigo deberanse inscribir nun rexistro para os únicos efectos de publicidade.
  4. As asociacións só poderán ser disoltas ou suspendidas nas súas actividades en virtude de resolución xudicial motivada.
  5. Prohíbense as asociacións secretas e mailas de carácter paramilitar.
Artigo 23
editar
  1. Os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos en eleccións periódicas por sufraxio universal.
  2. Tamén teñen dereito a acceder en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos, cos requisitos que sinalan as leis.
Artigo 24
editar
  1. Tódalas persoas teñen dereito a obte-la tutela efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, sen que, en ningún caso, poida producirse indefensión.
  2. Do mesmo xeito, todos teñen dereito ó xuíz ordinario predeterminado pola lei, á defensa e á asistencia de letrado, a seren informados da acusación formulada contra eles, a un proceso público sen dilacións indebidas e con tódalas garantías, a utilizaren os medios de proba pertinentes para a súa defensa, a non declararen contra si mesmos, a non se confesaren culpables e á presunción de inocencia.

A lei regulará os casos en que, por razón de parentesco ou de segredo profesional, non se estea obrigado a declarar sobre feitos presuntamente delictuosos.

Artigo 25
editar
  1. Ninguén poderá ser condenado ou sancionado por accións ou omisións que no momento de se produciren non constitúan delicto, falta ou infracción administrativa, segundo a lexislación vixente daquela.
  2. As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas á reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados. O condenado a pena de prisión que estea cumprindo esta gozará dos dereitos fundamentais deste capítulo, fóra dos que se vexan expresamente limitados polo contido da sentencia condenatoria, o sentido da pena e a lei penitenciaria. En todo caso, terá dereito a un traballo remunerado e mais ós beneficios correspondentes da Seguridade Social, así como ó acceso á cultura e ó desenvolvemento integral da súa personalidade.
  3. A Administración civil non poderá impoñer sancións que, directa ou subsidiariamente, impliquen privación de liberdade.
Artigo 26
editar

Prohíbense os tribunais de honor no ámbito da Administración civil e das organizacións profesionais.

Artigo 27
editar
  1. Todos teñen dereito á educación. Recoñécese a liberdade de ensino.
  2. A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto ós principios democráticos de convivencia e ós dereitos e liberdades fundamentais.
  3. Os poderes públicos garanten o dereito que asiste ós pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións.
  4. O ensino básico é obrigatorio e gratuíto.
  5. Os poderes públicos garanten o dereito de todos á educación, mediante unha programación xeral do ensino, con participación efectiva de tódolos sectores afectados e a creación de centros docentes.
  6. Recoñéceselles ás persoas físicas e xurídicas a liberdade de creación de centros docentes, dentro do respecto ós principios constitucionais.
  7. Os profesores, os pais e, se procede, os alumnos intervirán no control e xestión de tódolos centros sostidos pola administración con fondos públicos, nos termos que a lei estableza.
  8. Os poderes públicos inspeccionarán e homologarán o sistema educativo para garantiren o cumprimento das leis.
  9. Os poderes públicos axudarán os centros docentes que reúnan os requisitos que a lei estableza.
  10. Recoñécese a autonomía das universidades, nos termos que a lei estableza.
Artigo 28
editar
  1. Todos teñen dereito a sindicarse libremente. A lei poderá poñerlles limitacións ou excepcións ó exercicio deste dereito ás forzas ou institutos armados ou ós demais corpos sometidos a disciplina militar e regulará as peculiaridades do seu exercicio para os funcionarios públicos. A liberdade sindical comprende o dereito a fundar sindicatos e a se afiliar ó da súa elección, así como o dereito dos sindicatos a formaren confederacións e a fundaren organizacións sindicais internacionais ou a se afiliaren a elas. Ninguén poderá ser obrigado a se afiliar a un sindicato.
  2. Recoñécese o dereito á folga dos traballadores para a defensa dos seus intereses. A lei que regule o exercicio deste dereito establecerá as garantías precisas para que se asegure o mantemento dos servicios esenciais da comunidade.
Artigo 29
editar
  1. Tódolos españois terán o dereito de petición individual e colectiva, por escrito, na forma e cos efectos que determine a lei.
  2. Os membros das forzas ou institutos armados ou dos corpos sometidos a disciplina militar poderán exercer este dereito só individualmente e de acordo co disposto na súa lexislación específica.

Sección 2.ª: Dos dereitos e deberes dos cidadáns

editar
Artigo 30
editar
  1. Os españois teñen o dereito e o deber de defender España.
  2. A lei fixará as obrigas militares dos españois e regulará, coas debidas garantías, a obxección de conciencia, así como as demais causas de exención do servicio militar obrigatorio, podendo impoñer, se é o caso, unha prestación social substitutoria.
  3. Poderase establecer un servicio civil para o cumprimento de fins de interese xeral.
  4. Mediante a lei poderán regularse os deberes dos cidadáns nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública.
Artigo 31
editar
  1. Todos contribuirán ó sustentamento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade que, en ningún caso, chegará a ser confiscatorio.
  2. O gasto público realizará unha asignación equitativa dos recursos públicos e a súa programación e execución responderán ós criterios de eficiencia e economía.
  3. Só poderán establecerse prestacións persoais ou patrimoniais de carácter público reguladas pola lei.
Artigo 32
editar
  1. O home e a muller teñen dereito a contraer matrimonio con plena igualdade xurídica.
  2. A lei regulará as formas de matrimonio, a idade e maila capacidade para o contraer, os dereitos e deberes dos cónxuxes, as causas de separación e disolución e os seus efectos.
Artigo 33
editar
  1. Recoñécese o dereito á propiedade privada e á herdanza.
  2. A función social destes dereitos delimitará o seu contido, de acordo coas leis.
  3. Ninguén poderá ser privado dos seus bens e dereitos se non é por causa xustificada de utilidade pública ou interese social, mediante a correspondente indemnización e de conformidade co disposto polas leis.
Artigo 34
editar
  1. Recoñécese o dereito de fundación para fins de interese xeral, regulado pola lei.
  2. Rexerá tamén para as fundacións o disposto nos apartados 2 e 4 do artigo 22.
Artigo 35
editar
  1. Tódolos españois teñen o deber de traballar e o dereito ó traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración suficiente para satisfaceren as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso se poida facer discriminación por razón de sexo.
  2. A lei regulará un estatuto dos traballadores.
Artigo 36
editar

A lei regulará as peculiaridades propias do réxime xurídico dos colexios profesionais e do exercicio das profesións tituladas. A estructura interna e o funcionamento dos colexios deberán ser democráticos.

Artigo 37
editar
  1. A lei garantirá o dereito á negociación colectiva laboral entre os representantes dos traballadores e empresarios, así como a forza vinculante dos convenios.
  2. Recoñécese o dereito dos traballadores e empresarios a adoptaren medidas de conflicto colectivo. A lei que regule o exercicio deste dereito, sen prexuízo das limitacións que poida establecer, incluirá as garantías precisas para que se asegure o funcionamento dos servicios esenciais da comunidade.
Artigo 38
editar

Recoñécese a liberdade de empresa no marco da economía de mercado. Os poderes públicos garanten e protexen o seu exercicio e a defensa da productividade, de acordo coas esixencias da economía xeral e, cando corresponda, da planificación.

Capítulo Terceiro: Dos principios rectores da polítical social e económica

editar

Artigo 39

editar
  1. Os poderes públicos aseguran a protección social, económica e xurídica da familia.
  2. Os poderes públicos aseguran, tamén, a protección integral dos fillos, iguais estes ante a lei con independencia da súa filiación, e a das nais, calquera que sexa o seu estado civil. A lei posibilitará a investigación da paternidade.
  3. Os pais deberán prestarlles asistencia de todo tipo ós fillos tidos dentro ou fóra do matrimonio, durante a súa minoría de idade e nos demais casos en que legalmente proceda.
  4. Os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que miran polos seus dereitos.

Artigo 40

editar
  1. Os poderes públicos promoverán as condicións favorables para o progreso social e económico e para unha distribución da renda rexional e persoal máis equitativa, no marco dunha política de estabilidade económica. De maneira especial realizarán unha política orientada ó pleno emprego.
  2. Ademais, os poderes públicos fomentarán unha política que garanta a formación e readaptación profesionais, mirarán pola seguridade e hixiene no traballo e garantirán o descanso necesario, mediante a limitación da xornada laboral, as vacacións periódicas retribuídas e a promoción de centros adecuados.

Artigo 41

editar

Os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para tódolos cidadáns, que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade, especialmente en caso de desemprego. A asistencia e prestacións complementarias serán libres.

Artigo 42

editar

O Estado mirará especialmente pola salvagarda dos dereitos económicos e sociais dos traballadores españois no estranxeiro, e orientará a súa política cara ó seu regreso.

Artigo 43

editar
  1. Recoñécese o dereito á protección da saúde.
  2. Correspóndelles ós poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública mediante medidas preventivas e as prestacións e servicios necesarios. No tocante a iso a lei establecerá os dereitos e deberes de todos.
  3. Os poderes públicos fomentarán a educación sanitaria, a educación física e mailo deporte. Tamén facilitarán a adecuada utilización do lecer.

Artigo 44

editar
  1. Os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos teñen dereito.
  2. Os poderes públicos promoverán a ciencia e investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral.

Artigo 45

editar
  1. Todos teñen dereito a desfrutar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de o conservaren.
  2. Os poderes públicos mirarán pola utilización racional de tódolos recursos naturais, co fin de protexeren e melloraren a calidade de vida e defenderen e restauraren o medio ambiente, coa axuda da indispensable solidariedade colectiva.
  3. Para quen viole o disposto no apartado anterior, nos termos que a lei fixe estableceranse sancións penais ou, se houbera lugar, administrativas, así como a obriga da reparación do dano causado.

Artigo 46

editar

Os poderes públicos garantirán a conservación e promoverán o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran, calquera que sexa o seu réxime xurídico e a súa titularidade. A lei penal sancionará os atentados contra este patrimonio.

Artigo 47

editar

Tódolos españois teñen dereito a desfrutar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación.

A comunidade participará nas plusvalías que nazan da acción urbanística dos entes públicos.

Artigo 48

editar

Os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural.

Artigo 49

editar

Os poderes públicos realizarán unha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos, ós que lles prestarán a atención especializada que requiran, e ampararanos especialmente para o desfrute dos dereitos que este título lles outorga a tódolos cidadáns.

Artigo 50

editar

Os poderes públicos garantiranlles, mediante pensións axeitadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica ós cidadáns na terceira idade. Tamén, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servicios sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.

Artigo 51

editar
  1. Os poderes públicos garantirán a defensa dos consumidores e usuarios, protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, a saúde e mailos lexítimos intereses económicos deles.
  2. Os poderes públicos promoverán a información e maila educación dos consumidores e usuarios, fomentarán as súas organizacións e oirán a estas nas cuestións que poidan afectar a aqueles, nos termos que a lei estableza.
  3. No marco do disposto polos apartados anteriores, a lei regulará o comercio interior e mailo réxime de autorización de productos comerciais.

Artigo 52

editar

A lei regulará as organizacións profesionais que contribúan á defensa dos intereses económicos que lles sexan propios. A súa estructura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

Capítulo Cuarto: Das garantías das liberdades e dereitos fundamentais

editar

Artigo 53

editar
  1. Os dereitos e liberdades recoñecidos no capítulo segundo do presente título vinculan a tódolos poderes públicos. Só por lei, que en todo caso deberá respecta-lo seu contido esencial, poderá regularse o exercicio de tales dereitos e liberdades, que se tutelarán de acordo co previsto no artigo 161.1.a).
  2. Calquera cidadán poderá reclama-la tutela das liberdades e dereitos recoñecidos no artigo 14 e a sección l.ª do capítulo segundo ante os tribunais ordinarios por un procedemento baseado nos principios de preferencia e sumariedade e, se fose mester, a través do recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional. Este derradeiro recurso seralle aplicable á obxección de conciencia recoñecida no artigo 30.
  3. O recoñecemento, o respecto e a protección dos principios recoñecidos no capítulo terceiro informará a lexislación positiva, a práctica xudicial e a actuación dos poderes públicos. Só poderán ser alegados perante a xurisdicción ordinaria de acordo co que dispoñan as leis que os desenvolvan.

Artigo 54

editar

Unha lei orgánica regulará a institución do Defensor do Pobo, como alto comisionado das Cortes Xerais, designado por estas para a defensa dos dereitos comprendidos neste título; para iso poderá supervisa-la actividade da administración, dándolle conta ás Cortes Xerais.

Capítulo Quinto: Da supresión dos dereitos e liberdades

editar

Artigo 55

editar
  1. Os dereitos recoñecidos nos artigos 17, 18, apartados 2 e 3, artigos 19, 20, apartados 1.a) e d) e 5, artigos 21, 28, apartado 2, e artigo 37, apartado 2, poderán ser suspendidos cando se acorde a declaración de estado de excepción ou de sitio nos termos previstos na Constitución. Exceptúase do establecido anteriormente o apartado 3 do artigo 17 para o suposto de declaración de estado de excepción.
  2. Unha lei orgánica poderá determina-la forma e os casos nos que, de xeito individual e coa necesaria intervención xudicial e o adecuado control parlamentario, os dereitos recoñecidos nos artigos 17, apartado 2, e 18, apartados 2 e 3, poden ser suspendidos para persoas determinadas, en relación coas investigacións correspondentes á actuación de bandas armadas ou elementos terroristas. A utilización inxustificada ou abusiva das facultades recoñecidas na citada lei orgánica producirá responsabilidade penal, como violación dos dereitos e liberdades recoñecidos polas leis.
  1. ^  O inciso "e pasivo" foi engadido pola reforma constitucional do 27 de agosto de 1992 para adecuarse ó artigo 8.B do Tratado de Maastrich.