Constitución española de 1978/Título IV



Constitución do Reino de España


  Aprobada polas Cortes en sesións plenarias do Congreso dos Deputados  
e do Senado celebradas o día 31 de outubro de 1978,
ratificada polo pobo español en referendo do 6 do mesmo ano
e sancionada polo rei ante as Cortes o día 27 de decembro de 1978.
 


Índice

 

Título IV: Do Goberno e da Administración

editar

Artigo 97

editar

O Goberno dirixe a política interior e exterior, a Administración civil e militar e a defensa do Estado. Exerce a función executiva e a potestade regulamentaria de acordo coa Constitución e as leis.

Artigo 98

editar
  1. O Goberno componse do presidente, dos vicepresidentes, se é o caso, dos ministros e dos demais membros que estableza a lei.
  2. O presidente dirixe a acción do Goberno e coordina as funcións dos demais membros del, sen prexuízo da competencia e responsabilidade directa destes na súa xestión.
  3. Os membros do Goberno non poderán exercer outras funcións representativas cás propias do mandato parlamentario, nin calquera outra función pública que non derive do seu cargo, nin ningunha actividade profesional ou mercantil.
  4. A lei regulará o estatuto e incompatibilidades dos membros do Goberno.

Artigo 99

editar
  1. Despois de cada renovación do Congreso dos Deputados, e nos demais supostos constitucionais en que así proceda, o rei, logo de consulta cos representantes designados polos grupos políticos con representación parlamentaria, e por medio do presidente do Congreso, propoñerá un candidato á Presidencia do Goberno.
  2. O candidato proposto conforme o previsto no apartado anterior expoñerá perante o Congreso dos Deputados o programa político do Goberno que pretenda formar e solicitará a confianza da cámara.
  3. Se o Congreso dos Deputados, polo voto da maioría absoluta dos seus membros, lle outorgase a súa confianza ó citado candidato, o rei nomearao presidente. Se non se acada esa maioría, someterase a mesma proposta a nova votación corenta e oito horas despois da anterior, e a confianza entenderase outorgada se obtén a maioría simple.
  4. Se efectuadas as citadas votacións non se outorgase a confianza para a investidura, tramitaranse sucesivas propostas na forma prevista nos apartados anteriores.
  5. Se, transcorrido o prazo de dous meses, contado dende a primeira votación de investidura, ningún candidato obtivo a confianza do Congreso, o rei disolverá ámbalas cámaras e convocará novas eleccións co referendo do presidente do Congreso.

Artigo 100

editar

Os demais membros do Goberno serán nomeados e separados polo rei, por proposta do seu presidente.

Artigo 101

editar
  1. O Goberno cesa trala celebración de eleccións xerais, nos casos de perda de confianza parlamentaria previstos na Constitución ou por dimisión ou morte do seu presidente.
  2. O Goberno cesante continuará en funcións ata a toma de posesión do novo Goberno.

Artigo 102

editar
  1. A responsabilidade criminal do presidente e dos demais membros do Goberno será esixible, cando exista, perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.
  2. Se a acusación fose por traizón ou por calquera delicto contra a seguridade do Estado no exercicio das súas funcións, só poderá ser formulada por iniciativa da cuarta parte dos membros do Congreso, e coa aprobación da maioría absoluta deste.
  3. A prerrogativa real de gracia non será aplicable a ningún dos supostos do presente artigo.

Artigo 103

editar
  1. A administración pública serve con obxectividade os intereses xerais e actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e mais ó dereito.
  2. Os órganos da Administración do Estado son creados, rexidos e coordinados de acordo coa lei.
  3. A lei regulará o estatuto dos funcionarios públicos, o acceso á función pública de acordo cos principios de mérito e capacidade, as peculiaridades do exercicio do seu dereito á sindicación, o sistema de incompatibilidades e as garantías para a imparcialidade no exercicio das súas funcións.

Artigo 104

editar
  1. As forzas e corpos de seguridade, baixo a dependencia do Goberno, terán como misión protexe-lo libre exercicio dos dereitos e liberdades e garanti-la seguridade cidadá.
  2. Unha lei orgánica determinará as funcións, principios básicos de actuación e estatutos das forzas e corpos de seguridade.

Artigo 105

editar

A lei regulará:

a) A audiencia dos cidadáns, directamente ou mediante as organizacións e asociacións recoñecidas pola lei, no procedemento de elaboración das disposicións administrativas que os afecten.
b) O acceso dos cidadáns ós arquivos e rexistros administrativos, menos no que afecte á seguridade e defensa do Estado, á investigación dos delictos e á intimidade das persoas.
c) O procedemento polo que deben producirse os actos administrativos, garantindo, cando proceda, a audiencia do interesado.

Artigo 106

editar
  1. Os tribunais controlan a potestade regulamentaria e a legalidade da actuación administrativa, así como o sometemento desta ós fins que a xustifican.
  2. Os particulares, nos termos establecidos pola lei, terán dereito a ser indemnizados por toda lesión que sufran en calquera dos seus bens e dereitos, agás en casos de forza maior, sempre que a lesión sexa consecuencia do funcionamento dos servicios públicos.

Artigo 107

editar

O Consello de Estado é o supremo órgano consultivo do Goberno. Unha lei orgánica regulará a súa composición e competencia.