Constitución española de 1978/Título VI
Constitución do Reino de España
|
|
Título VI: Do poder xudicial
editarArtigo 117
editar- A xustiza emana do pobo e é administrada en nome do rei por xuíces e maxistrados integrantes do poder xudicial, independentes, inamovibles, responsables e sometidos unicamente ó imperio da lei.
- Os xuíces e maxistrados non poderán ser separados, suspendidos, trasladados nin xubilados, a non ser por algunha das causas e coas garantías previstas na lei.
- O exercicio da potestade xurisdiccional en toda clase de procesos, xulgando e facendo executa-lo xulgado, correspóndelles só ós xulgados e tribunais determinados polas leis, conforme as normas de competencia e procedemento que estas establezan.
- Os xulgados e tribunais non exercerán máis funcións cás sinaladas no apartado anterior e as que expresamente lles sexan atribuídas pola lei en garantía de calquera dereito.
- O principio de unidade xurisdiccional é a base da organización e funcionamento dos tribunais. A lei regulará o exercicio da xurisdicción militar no ámbito estrictamente castrense e nos supostos de estado de sitio, segundo os principios da Constitución.
- Prohíbense os tribunais de excepción.
Artigo 118
editarÉ obrigatorio o cumprimento das sentencias e demais resolucións firmes dos xuíces e tribunais, así como prestar tamén a colaboración por eles requirida no curso do proceso e na execución das resolucións.
Artigo 119
editarA xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar.
Artigo 120
editar- As actuacións xudiciais serán públicas, coas excepcións previstas nas leis de procedemento.
- O procedemento será predominantemente oral, sobre todo en materia criminal.
- As sentencias serán sempre motivadas e pronunciaranse en audiencia pública.
Artigo 121
editarOs danos causados por erro xudicial, así como tamén os que sexan consecuencia do funcionamento anormal da Administración de Xustiza, darán dereito a unha indemnización a cargo do Estado, conforme a lei.
Artigo 122
editar- A Lei orgánica do poder xudicial deteminará a constitución, funcionamento e goberno dos xulgados e tribunais, así como o estatuto xurídico dos xuíces e maxistrados de carreira, que formarán un corpo único, e do persoal ó servicio da Administración de Xustiza.
- O Consello Xeral do Poder Xudicial é o órgano de goberno deste. A lei orgánica establecerá o seu estatuto e o réxime de incompatibilidades dos seus membros e as súas funcións, especialmente en materia de nomeamentos, ascensos, inspección e réxime disciplinario.
- O Consello Xeral do Poder Xudicial estará integrado polo presidente do Tribunal Supremo, que o presidirá, e por vinte membros nomeados polo rei por un período de cinco anos. Destes, doce entre xuíces e maxistrados de tódalas categorías xudiciais, nos termos que estableza a lei orgánica; catro por proposta do Congreso dos Deputados, e catro por proposta do Senado, elixidos en ámbolos casos por maioría de tres quintos dos seus membros, entre avogados e outros xuristas, todos eles de recoñecida competencia e con máis de quince anos de exercicio na súa profesión.
Artigo 123
editar- O Tribunal Supremo, con xurisdicción en toda España, é o órgano xurisdiccional superior en tódalas ordes, salvo o disposto en materia de garantías constitucionais.
- O presidente do Tribunal Supremo será nomeado polo rei, por proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial, da maneira que determine a lei.
Artigo 124
editar- O ministerio fiscal, á parte das funcións encomendadas a outros órganos, ten por finalidades promove-la acción da xustiza en defensa da legalidade, dos dereitos dos cidadáns e do interese público tutelado pola lei, de oficio ou por petición dos interesados, así como velar pola independencia dos tribunais e procurar perante estes a satisfacción do interese social.
- O ministerio fiscal exerce as súas funcións mediante órganos de seu, conforme os principios de unidade de actuación e dependencia xerárquica e con suxeición, en todo caso, ós de legalidade e imparcialidade.
- A lei regulará o estatuto orgánico do ministerio fiscal.
- O fiscal xeral do Estado será nomeado polo rei, por proposta do Goberno, unha vez escoitado o Consello Xeral do Poder Xudicial.
Artigo 125
editarOs cidadáns poderán exerce-la acción popular e participaren na Administración de Xustiza mediante a institución do xurado, na forma e con respecto a aqueles procesos penais que a lei determine, e tamén nos tribunais consuetudinarios e tradicionais.
Artigo 126
editarA policía xudicial depende dos xuíces, dos tribunais e do ministerio fiscal nas súas funcións de pescuda do delicto e de descubrimento e aseguramento do delincuente nos termos que a lei estableza.
Artigo 127
editar- Os xuíces e maxistrados, e mailos fiscais, mentres estean en activo, non poderán desempeñar outros cargos públicos nin pertencer a partidos políticos ou sindicatos. A lei establecerá o sistema e modalidades de asociación profesional dos xuíces, maxistrados e fiscais.
- A lei establecerá o réxime de incompatibilidades dos membros do poder xudicial de maneira que asegure a total independencia deles.