Constitución española de 1978/Título Preliminar




Constitución do Reino de España


  Aprobada polas Cortes en sesións plenarias do Congreso dos Deputados  
e do Senado celebradas o día 31 de outubro de 1978,
ratificada polo pobo español en referendo do 6 do mesmo ano
e sancionada polo rei ante as Cortes o día 27 de decembro de 1978.
 


Índice

 

Título Preliminar

editar

Artigo 1

editar
  1. España constitúese nun Estado social e democrático de dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político.
  2. A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado.
  3. A forma política do Estado español é a monarquía parlamentaria.

Artigo 2

editar

A Constitución fundaméntase na indisoluble unidade da nación española, patria común e indivisible de tódolos españois, e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas.

Artigo 3

editar
  1. O castelán é a lingua española oficial do Estado. Tódolos españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala.
  2. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos.
  3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

Artigo 4

editar
  1. A bandeira de España está formada por tres franxas horizontais, vermella, marela e vermella; a marela é dobre de larga do que cada unha das vermellas.
  2. Os estatutos poderán recoñecer bandeiras e mais emblemas propios das comunidades autónomas. Estes utilizaranse xunto á bandeira de España nos seus edificios públicos e nos seus actos oficiais.

Artigo 5

editar

A capital do Estado é a vila de Madrid.

Artigo 6

editar

Os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación e manifestación da vontade popular e son instrumento fundamental para a participación política. A súa creación e o exercicio da súa actividade son libres dentro do respecto á Constitución e mais á lei. A súa estructura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

Artigo 7

editar

Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios. A súa creación e o exercicio da súa actividade son libres dentro do respecto á Constitución e á lei. A súa estructura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

Artigo 8

editar
  1. As Forzas Armadas, constituídas polo Exército de Terra, a Armada e o Exército do Aire, teñen como misión garanti-la soberanía e a independencia de España, defende-la súa integridade territorial e o ordenamento constitucional.
  2. Unha lei orgánica regulará as bases da organización militar de acordo cos principios da presente Constitución.

Artigo 9

editar
  1. Os cidadáns e os poderes públicos están suxeitos á Constitución e ó resto do ordenamento xurídico.
  2. Correspóndelles ós poderes públicos promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e mais dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, removeren os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitaren a participación de tódolos cidadáns na vida política, económica, cultural e social.
  3. A Constitución garante o principio da legalidade, a xerarquía normativa, a publicidade das normas, a irretroactividade das disposicións sancionadoras non favorables ou restrictivas de dereitos individuais, a seguridade xurídica, a responsabilidade e maila interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos.