Constitución española de 1978/Título VIII
Este texto precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo de Wikisource. Pode axudar a mellorar este texto e outros en condicións semellantes. |
Constitución do Reino de España
|
|
Título VIII: Da organización territorial do Estado
editarCapítulo Primeiro: Principios xerais
editarArtigo 137
editarO Estado organízase territorialmente en municipios, en provincias e nas comunidades autónomas que se constitúan. Todas estas entidades gozan de autonomía para a xestión dos seus respectivos intereses.
Artigo 138
editar- O Estado garante a realización efectiva do principio de solidariedade consagrado no artigo 2 da Constitución, mirando de establecer un equilibrio económico axeitado e xusto entre as diversas partes do territorio español, e atendendo en particular as circunstancias do feito insular.
- As diferencias entre os estatutos das diferentes comunidades autónomas non poderán implicar, en caso ningún, privilexios económicos ou sociais.
Artigo 139
editar- Tódolos españois teñen os mesmos dereitos e obrigas en calquera parte do territorio do Estado.
- Ningunha autoridade poderá adoptar medidas que directa ou indirectamente obstaculicen a liberdade de circulación e establecemento das persoas e a libre circulación de bens en todo o territorio español.
Capítulo Segundo: Da Administración local
editarArtigo 140
editarA Constitución garante a autonomía dos municipios. Estes gozarán de personalidade xurídica plena. O seu goberno e administración correspóndelles ós seus respectivos concellos, integrados polos alcaldes e mailos concelleiros. Os concelleiros serán elixidos polos veciños do municipio mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, na forma establecida pola lei. Os alcaldes serán elixidos polos concelleiros ou polos veciños. A lei regulará as condicións nas que conveña o réxime de concello aberto.
Artigo 141
editar- A provincia é unha entidade local con personalidade xurídica propia, definida pola agrupación de municipios e división territorial para o cumprimento das actividades do Estado. Calquera alteración dos límites provinciais terá que ser aprobada polas Cortes Xerais mediante lei orgánica.
- O goberno e a administración autónoma das provincias estaranlles encomendados a deputacións ou a outras corporacións de carácter representativo.
- Poderanse crear agrupacións de municipios diferentes da provincia.
- Nos arquipélagos, as illas terán ademais a súa administración propia en forma de cabidos ou consellos.
Artigo 142
editarAs facendas locais deberán dispoñer dos medios suficientes para o desempeño das funcións que a lei lles atribúe ás corporacións respectivas e nutriranse fundamentalmente de tributos propios e de participación nos do Estado e nos das comunidades autónomas.
Capítulo Terceiro: Das comunidades autónomas
editarArtigo 143
editar- No exercicio do dereito á autonomía recoñecido no artigo 2 da Constitución, as provincias limítrofes con características históricas, culturais e económicas comúns, os territorios insulares e as provincias con entidade rexional histórica poderán acceder ó seu autogoberno e constituírse en comunidades autónomas conforme o previsto neste título e nos respectivos estatutos.
- A iniciativa do proceso autonómico correspóndelles a tódalas deputacións interesadas ou ó órgano interinsular correspondente e ás dúas terceiras partes dos municipios se a súa poboación representa, cando menos, a maioría do censo electoral de cada provincia ou illa. Estes requisitos terán que ser cumpridos no prazo de seis meses dende o primeiro acordo adoptado neste sentido por algunha das corporacións locais interesadas.
- A iniciativa, en caso de non prosperar, só se poderá reiterar pasados cinco anos.
Artigo 144
editarAs Cortes Xerais, mediante lei orgánica, poderán, por motivos de interese nacional:
- a) Autoriza-la constitución dunha comunidade autónoma cando o seu ámbito territorial non supere o dunha provincia e non reúna as condicións do apartado 1 do artigo 143.
- b) Autorizar ou acordar, segundo os casos, un estatuto de autonomía para territorios que non estean integrados na organización provincial.
- c) Substituí-la iniciativa das corporacións locais a que se refire o apartado 2 do artigo 143.
Artigo 145
editar- Non se admitirá en caso ningún a federación de comunidades autónomas.
- Os estatutos poderán preve-los supostos, requisitos e termos en que as comunidades autónomas poderán concertar convenios entre si para a xestión e prestación de servicios propios delas, así como o carácter e efectos da correspondente comunicación ás Cortes Xerais. Nos outros supostos, os acordos de cooperación entre as comunidades autónomas necesitarán a autorización das Cortes Xerais.
Artigo 146
editarO proxecto de estatuto será elaborado por unha asemblea composta polos membros da deputación ou órgano interinsular das provincias afectadas e polos deputados e senadores elixidos nelas e seralle elevado ás Cortes Xerais para a súa tramitación como lei.
Artigo 147
editar- Dentro dos termos da presente Constitución os estatutos serán a norma institucional básica de cada comunidade autónoma e o Estado recoñeceraos e ampararaos como parte integrante do seu ordenamento xurídico.
- Os estatutos de autonomía deberán conter:
- a) A denominación da comunidade que mellor lle corresponda á súa identidade histórica.
- b) A delimitación do seu territorio.
- c) A denominación, organización e sede das institucións autónomas propias.
- d) As competencias asumidas dentro do marco establecido na Constitución e as bases para o traspaso dos servicios correspondentes a elas.
- 3. A reforma dos estatutos axustarase ó procedemento que neles se estableza e requirirá, en todo caso, a aprobación polas Cortes Xerais, mediante lei orgánica.
Artigo 148
editar- As comunidades autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:
- 1.º Organización das súas institucións de autogoberno.
- 2.º As alteracións dos termos municipais comprendidos no seu territorio e, en xeral, as funcións que lle correspondan á Administración do Estado sobre as corporacións locais e de transferencia autorizada pola lexislación sobre réxime local.
- 3.º Ordenación do territorio, urbanismo e vivenda.
- 4.º As obras públicas de interese da comunidade autónoma no seu propio territorio.
- 5.º As vías férreas e estradas de percorrido comprendido integramente no territorio da comunidade autónoma e, nos mesmos termos, o transporte levado a cabo por estes medios ou por cable.
- 6.º Os portos de refuxio, os portos e aeroportos deportivos e, en xeral, os que non desenvolvan actividades comerciais.
- 7.º A agricultura e a gandería, de acordo coa ordenación xeral da economía.
- 8.º Os montes e aproveitamentos forestais.
- 9.º A xestión en materia de protección do medio ambiente.
- 10.º Os proxectos, construcción e explotación dos aproveitamentos hidráulicos, canles e regadíos de interese da comunidade autónoma; as augas minerais e termais.
- 11.º A pesca nas augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, a caza e a pesca fluvial.
- 12.º Feiras interiores.
- 13.º O fomento do desenvolvemento económico da comunidade autónoma dentro dos obxectivos marcados pola política económica nacional.
- 14.º Artesanía.
- 15.º Museos, bibliotecas e conservatorios de música de interese para a comunidade autónoma.
- 16.º Patrimonio monumental de interese da comunidade autónoma.
- 17.º O fomento da cultura, da investigación e, se é o caso, do ensino da lingua da comunidade autónoma.
- 18.º Promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial.
- 19.º Promoción do deporte e da axeitada utilización do lecer.
- 20.º Asistencia social.
- 21.º Sanidade e hixiene.
- 22.º A vixilancia e protección dos seus edificios e instalacións. A coordinación e demais facultades en relación coas policías locais nos termos que estableza unha lei orgánica.
- 2. Transcorridos cinco anos, e mediante a reforma dos seus estatutos, as comunidades autónomas poderán ampliar sucesivamente as súas competencias dentro do marco establecido no artigo 149.
Artigo 149
editar- O Estado ten competencia exclusiva sobre as seguintes materias:
- 1.º A regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de tódolos españois no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais.
- 2.º Nacionalidade, inmigración, emigración, estranxeiría e dereito de asilo.
- 3.º Relacións internacionais.
- 4.º Defensa e Forzas Armadas.
- 5.º Administración de Xustiza.
- 6.º Lexislación mercantil, penal e penitenciaria; lexislación procesual, sen perda das necesarias especialidades que nesta orde deriven das particularidades do dereito substantivo das comunidades autónomas.
- 7.º Lexislación laboral, sen prexuízo da súa execución polos órganos das comunidades autónomas.
- 8.º Lexislación civil, á parte da conservación, modificación e desenvolvemento polas comunidades autónomas dos dereitos civís, forais ou especiais, alí onde existan. En todo caso, as regras relativas á aplicación e eficacia das normas xurídicas, relacións xurídico-civís relativas ás formas de matrimonio, ordenación dos rexistros e instrumentos públicos, bases das obrigas contractuais, normas para resolve-los conflictos de leis e determinación das fontes do dereito, con respecto, no caso derradeiro, ás normas de dereito foral ou especial.
- 9.º Lexislación sobre propiedade intelectual e industrial.
- 10.º Réxime aduaneiro e arancelario; comercio exterior.
- 11.º Sistema monetario: divisas, cambio e convertibilidade; bases da ordenación do crédito, banca e seguros.
- 12.º Lexislación sobre pesas e medidas, determinación da hora oficial.
- 13.º Bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.
- 14.º Facenda xeral e débeda do Estado.
- 15.º Fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica.
- 16.º Sanidade exterior. Bases e coordinación xeral da sanidade. Lexislación sobre os productos farmacéuticos.
- 17.º Lexislación básica e réxime económico da Seguridade Social, sen prexuízo da execución dos seus servicios polas comunidades autónomas.
- 18.º As bases do réxime xurídico das administracións públicas e do réxime estatutario dos seus funcionarios, que, en todo caso, lles garantirán ós administrados un tratamento común ante elas; o procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades derivadas da organización propia das comunidades autónomas; lexislación sobre expropiación forzosa; lexislación básica sobre contratos e concesións administrativas e o sistema de responsabilidade de tódalas administracións públicas.
- 19.º Pesca marítima, sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se lles atribúan ás comunidades autónomas.
- 20.º Mariña mercante e abandeiramento de buques; iluminación de costas e sinais marítimos; portos de interese xeral; aeroportos de interese xeral; control do espacio aéreo, tránsito e transporte aéreo, servicio meteorolóxico e matriculación de aeronaves.
- 21.º Vías férreas e transportes terrestres que transcorran polo territorio de máis dunha comunidade autónoma; réxime xeral de comunicacións; tráfico e circulación de vehículos de motor; correos e telecomunicacións; cables aéreos, submarinos e radiocomunicación.
- 22.º A lexislación, ordenación e concesión de recursos e aproveitamentos hidráulicos cando as augas corran por máis dunha comunidade autónoma, e a autorización das instalacións eléctricas, cando o seu aproveitamento afecte outra comunidade ou o transporte de enerxía saia do seu ámbito territorial.
- 23.º Lexislación básica sobre protección do medio ambiente sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección. A lexislación básica sobre montes, aproveitamentos forestais e vías pecuarias.
- 24.º Obras públicas de interese xeral ou de realización que afecte máis dunha comunidade autónoma.
- 25.º Bases do réxime mineiro e enerxético.
- 26.º Réxime de produción, comercio, posesión e uso de armas e explosivos.
- 27.º Normas básicas do réxime de prensa, radio e televisión e, en xeral, de tódolos medios de comunicación social, sen perda das facultades que no seu desenvolvemento e execución lles correspondan ás comunidades autónomas.
- 28.º Defensa do patrimonio cultural, artístico e monumental español contra a exportación e a espoliación; museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal, sen tocar á súa xestión por parte das comunidades autónomas.
- 29.º Seguridade pública, sen prexuízo da posibilidade de creación de policías polas comunidades autónomas na forma que se estableza nos respectivos estatutos no marco do que dispoña unha lei orgánica.
- 30.º Regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución a fin de garanti-lo cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.
- 31.º Estatística para fins estatais.
- 32.º Autorización para a convocatoria de consultas populares por vía de referendo.
- 2. Á parte das competencias que poderán asumi-las comunidades autónomas, o Estado considerará o servicio da cultura como deber e atribución esencial e facilitará a comunicación cultural entre as comunidades autónomas de acordo con elas.
- 3. As materias non atribuídas expresamente ó Estado por esta Constitución poderán corresponderlles ás comunidades autónomas, segundo os seus respectivos estatutos. A competencia sobre as materias que non foran asumidas polos estatutos de autonomía corresponderalle ó Estado, e as normas deste prevalecerán, en caso de conflicto, sobre as das comunidades autónomas en todo o que non estea atribuído á exclusiva competencia destas. O dereito estatal será, en calquera caso, supletorio do dereito das comunidades autónomas.
Artigo 150
editar- As Cortes Xerais, en materias de competencia estatal, poderán atribuírlles a todas ou a algunha das comunidades autónomas a facultade de dictaren, para si mesmas, normas lexislativas no marco dos principios, bases e directrices fixados por unha lei estatal. Á parte das competencias dos tribunais, en cada lei marco establecerase a modalidade do control das Cortes Xerais sobre estas normas lexislativas das comunidades autónomas.
- O Estado poderá transferir ou delegar nas comunidades autónomas, mediante lei orgánica, facultades correspondentes a materia de titularidade estatal que pola súa propia natureza sexan susceptibles de transferencia ou delegación. A lei preverá en cada caso a correspondente transferencia de medios financeiros, así como as formas de control que reserve para si o Estado.
- O Estado poderá dictar leis que establezan os principios necesarios para harmoniza-las disposicións normativas das comunidades autónomas, aínda no caso de materias atribuídas á competencia destas, cando así o esixa o interese xeral. Correspóndelle ás Cortes Xerais, por maioría absoluta de cada cámara, a apreciación desta necesidade.
Artigo 151
editar- Non será necesario deixar transcorre-lo prazo de cinco anos a que se refire o apartado 2 do artigo 148 cando a iniciativa do proceso autonómico sexa acordada dentro do prazo do artigo 143.2, ademais de polas deputacións ou os órganos interinsulares correspondentes, polas tres cuartas partes dos concellos de cada unha das provincias afectadas que representen, cando menos, a maioría do censo electoral de cada unha delas e a citada iniciativa sexa ratificada mediante referendo polo voto afirmativo da maioría absoluta dos electores de cada provincia nos termos que estableza unha lei orgánica.
- No suposto previsto no apartado anterior, o procedemento para a elaboración do estatuto será o seguinte:
- 1.º O Goberno convocará tódolos deputados e senadores elixidos nas circunscricións comprendidas no ámbito territorial que pretenda acceder ó autogoberno, para que se constitúan en asemblea, para os únicos efectos de elaboraren o correspondente proxecto de estatuto de autonomía, mediante o acordo da maioría absoluta dos seus membros.
- 2.º Aprobado o proxecto de estatuto pola asemblea de parlamentarios, remitiráselle á Comisión Constitucional do Congreso, a cal, dentro do prazo de dous meses, o examinará co concurso e asistencia dunha delegación da asemblea propoñente para determinaren de común acordo a súa formulación definitiva.
- 3.º Se se alcanzase o devandito acordo, o texto resultante será sometido a referendo do corpo electoral das provincias comprendidas no ámbito territorial do proxectado estatuto.
- 4.º Se o proxecto de estatuto é aprobado en cada provincia pola maioría dos votos validamente emitidos, seralle elevado ás Cortes Xerais. Os plenos de ámbalas cámaras decidirán sobre o texto mediante un voto de ratificación. Aprobado o estatuto, o rei sancionarao e promulgarao como lei.
- 5.º De non alcanzarse o acordo ó que se refire o apartado 2.º deste número, o proxecto de estatuto será tramitado como proxecto de lei perante as Cortes Xerais. O texto aprobado por estas será sometido a referendo do corpo electoral das provincias comprendidas no ámbito territorial do proxectado estatuto. No caso de ser aprobado pola maioría dos votos validamente emitidos en cada provincia, procederá a súa promulgación nos termos do parágrafo anterior.
- 3. Nos casos dos parágrafos 4.º e 5.º do apartado anterior, a non aprobación do proxecto de estatuto por unha ou varias provincias non impedirá a constitución entre as restantes da comunidade autónoma proxectada, na forma que estableza a lei orgánica prevista no apartado 1 deste artigo.
Artigo 152
editar- Nos estatutos aprobados polo procedemento a que se refire o artigo anterior, a organización institucional autonómica basearase nunha asemblea lexislativa elixida por sufraxio universal conforme un sistema de representación proporcional que asegure, ademais, a representación das diversas zonas do territorio; un consello de goberno con funcións executivas e administrativas, e un presidente, elixido pola asemblea, de entre os seus membros, e nomeado polo rei, a quen lle corresponde a dirección do consello de goberno, a suprema representación da respectiva comunidade e a ordinaria do Estado naquela. O presidente e os membros do consello de goberno serán politicamente responsables ante a asemblea. Un Tribunal Superior de Xustiza, sen prexuízo da xurisdicción que lle corresponde ó Tribunal Supremo, culminará a organización xudicial no ámbito territorial da comunidade autónoma. Nos estatutos das comunidades autónomas poderán establecerse os supostos e as formas de participación daquelas na organización das demarcacións xudiciais do territorio. Todo isto de conformidade co previsto na Lei orgánica do poder xudicial e dentro da unidade e independencia deste. Sen prexuízo do disposto no artigo 123, as sucesivas instancias procesuais, se é o caso, esgotaranse perante órganos xudiciais radicados no mesmo territorio da comunidade autónoma no que estea o órgano competente en primeira instancia.
- 2. Unha vez sancionados e promulgados os respectivos estatutos, só poderán ser modificados mediante os procedementos neles establecidos e con referendo entre os electores inscritos nos censos correspondentes.
- 3. Mediante a agrupación de municipios limítrofes, os estatutos poderán establecer circunscricións territoriais de seu que gozarán dunha personalidade xurídica plena.
Artigo 153
editarO control da actividade dos órganos das comunidades autónomas exercerao:
- a) O Tribunal Constitucional, o relativo á constitucionalidade das súas disposicións normativas con forza de lei.
- b) O Goberno, logo de dictame do Consello de Estado, o do exercicio de funcións delegadas a que se refire o apartado 2 do artigo 150.
- c) A xurisdicción contencioso-administrativa, o da Administración autónoma e as súas normas regulamentarias.
- d) O Tribunal de Contas, o económico e orzamentario.
Artigo 154
editarUn delegado nomeado polo Goberno dirixirá a Administración do Estado no territorio da comunidade autónoma e coordinaraa, cando proceda, coa Administración propia da comunidade.
Artigo 155
editar- Se unha comunidade autónoma non cumprise as obrigas que a Constitución ou outras leis lle impoñan, ou actuase de forma que atente gravemente ó interese xeral de España, o Goberno, logo de requirimento ó presidente da comunidade autónoma e, no caso de non ser atendido, coa aprobación por maioría absoluta do Senado, poderá adopta-las medidas necesarias para obrigar a aquela ó cumprimento forzoso das citadas obrigas ou para a protección do mencionado interese xeral.
- Para a execución das medidas previstas no apartado anterior, o Goberno poderá darlles instruccións a tódalas autoridades das comunidades autónomas.
Artigo 156
editar- As comunidades autónomas gozarán de autonomía financeira para o desenvolvemento e execución das súas competencias de acordo cos principios de coordinación coa Facenda estatal e de solidariedade entre tódolos españois.
- As comunidades autónomas poderán actuar como delegados ou colaboradores do Estado para a recadación, a xestión e a liquidación dos recursos tibutarios daquel, de acordo coas leis e os estatutos.
Artigo 157
editar- Os recursos das comunidades autónomas estarán constituídos por:
- a) Impostos cedidos total ou parcialmente polo Estado; recargos sobre impostos estatais e outras participacións nos ingresos do Estado.
- b) Os seus propios impostos, taxas e contribucións especiais.
- c) Transferencias dun Fondo de Compensación Interterritorial e outras asignacións con cargo ós orzamentos xerais do Estado.
- d) Rendementos procedentes do seu patrimonio e ingresos de dereito privado.
- e) O producto das operacións de crédito.
- 2. As comunidades autónomas non poderán en ningún caso adoptar medidas tributarias sobre bens situados fóra do seu territorio ou que supoñan obstáculo á libre circulación de mercancías ou servicios.
- 3. Mediante lei orgánica poderá regularse o exercicio das competencias financeiras enumeradas no precedente apartado 1, as normas que resolvan os conflictos que puideran xurdir e as posibles formas de colaboración financeira entre as comunidades autónomas e o Estado.
Artigo 158
editar- Nos orzamentos xerais do Estado poderase establecer unha asignación ás comunidades autónomas en función do volume dos servicios e actividades estatais que asumisen e da garantía dun nivel mínimo na prestación dos servicios públicos fundamentais en todo o territorio español.
- A fin de corrixir desequilibrios económicos interterritoriais e facer efectivo o principio de solidariedade constituirase un Fondo de Compensación con destino a gastos de investimento; os recursos deste fondo serán distribuídos polas Cortes Xerais entre as comunidades autónomas e provincias, se é o caso.