Normativa oficial do galego - Comparativos e superlativos
13. Comparativos e superlativos
Ao lado das formas analíticas, úsanse tamén para bo, malo ou mao, grande e pequeno os comparativos sintéticos mellor, peor, maior ou meirande e menor.
Para a formación de superlativos absolutos úsase o sufixo -ísimo: altísimo, grandísimo. Este sufixo, sentido normalmente como propio dun rexistro elevado, ás veces engádese á raíz culta da palabra e non á patrimonial: antigo, antiquísimo; fiel, fidelísimo; nobre, nobilísimo. Nos adxectivos rematados en -ble ou –bel este superlativo ten sempre a terminación -bilísimo: amable ou amábel, amabilísimo; estable ou estábel, estabilísimo.
En rexistros elevados aparecen os superlativos co sufixo -érrimo, como son celebérrimo, libérrimo, misérrimo, paupérrimo, pulquérrimo, que corresponden, respectivamente, aos adxectivos célebre, libre, mísero, pobre e pulcro.