Normativa oficial do galego - O alfabeto
O alfabeto
editarO alfabeto galego moderno componse das seguintes letras; xunto coa letra e co nome dáse a pronuncia máis representativa:
LETRA | NOME | PRONUNCIA |
---|---|---|
a | a | [a] |
b | be | [b] |
c | ce | [θ] (ou [s]), [k] |
d | de | [d] |
e | e | [e], [ɛ] |
f | efe | [f] |
g | gue | [g] (ou [h] |
h | hache | - (cero) |
i | i | [i] |
l | ele | [l] |
m | eme | [m] |
n | ene | [n] |
ñ | eñe | [ɲ] |
o | o | [o], [ɔ] |
p | pe | [p] |
q | que | [k] |
r | erre | [ɾ], [r] |
s | ese | [s͇] |
t | te | [t] |
u | u | [u] |
v | uve | [b] |
x | xe | [ʃ], [ks͇] |
z | zeta | [θ] (ou [s]) |
Na ortografía galega moderna utilízanse tamén os seguintes dígrafos que representan un único son:
DÍGRAFO | NOME | PRONUNCIA |
---|---|---|
ch | ce hache | [tʃ] |
gu | gue u | [g] (ou [ħ]) |
ll | ele dobre | [ʎ] (ou [ɟ]) |
nh | ene hache | [ŋ] |
qu | que u | [k] |
rr | erre dobre | [r] |
Ademais destas letras úsanse tamén outros signos, como j (iota), ç (cedilla), k (ka), w (uve dobre) ou y (i grego), que aparecen tanto en palabras tomadas doutros idiomas (Jefferson, Eça de Queiroz, Kant, kantiano, Darwin, darwinismo, wagneriano, byroniano etc.) coma, nalgúns casos, en textos galegos medievais.
A grafía b e v
editarO b e o v representan un son único. O galego non ten un son labiodental fricativo [v], distinto de [b] e [β], como teñen o francés ou o portugués. Nestas linguas a grafía actual depende da pronuncia: escríbese b cando é bilabial (port. bala, saber, receber, bico, besta, branco; fr. boire, bec, bête, blanc) e v cando é labiodental (port. vala, dever, vinho, viver, povo, cavalo; fr.voire, devoir, vin, vivre, cheval).
No galego moderno, como non hai distinción fonolóxica, téndese á distinción gráfica conforme á etimoloxía (saber, recibir, gabián, goberno, billa, marabilla, móbil, automóbil, bolboreta, bico, besta, branco, deber, pobo, cabalo, cantabamos, bidueiro, ribeira..., pero viño, vivir, avó, avoa, varrer, vasoira, verza, voda, vulto, covarde, esvelto, gravar, avogado...).
As grafías c, qu e z
editarAs grafías c, qu e z presentan usos específicos. Úsase z para representar [θ] (ou [s] no galego seseante) ante a, o, u (zapato, cazar, zoco, cazo, zurrichar, azul), qu para representar [k] ante e, i (queixo, pequeno, quilo, máquina), c co valor de [k] ante a, o, u (caro, macaco, contra, pouco, cunca, bicudo) e de [θ] (ou [s] no galego seseante) ante e, i (cento, cocer, cinco, tecido).
Polo tanto, as grafías son: ca, que, qui, co, cu e za, ce, ci, zo, zu.
A grafía g
editarAs grafías g e gu son complementarias: ante e, i úsase gu (guerra, guiso); no resto dos casos úsase g (gando, gomo, gume, grolo, ignorar, glosa, tuareg).
Para explicitar a pronunciación con gheada utilízase o dígrafo gh (ghato, ghicho, amigho).
A grafía h
editarO h é un signo ortográfico sen valor fonético, pero mantense na grafía, tanto en posición inicial coma en interior ou final de palabra (horta, prohibir, oh, ah).
Mantense o h en haber, home, horta, herba, harmonía e en cantas palabras o tivesen etimoloxicamente, coa excepción dalgúns casos de non reposición como España ou Xoán; en troques, escríbense sen h palabras como ermida, ermo, irmán, ombro, orfo, óso ou ovo, que non o tiñan en latín. Esta fidelidade á etimoloxía mantense tanto co h inicial coma co medial.
As grafías ll e ñ
editarAs consoantes palatais /ʎ/ e /ɲ/ represéntanse, respectivamente, por ll e ñ.
O n e o m implosivos
editarCando unha consoante nasal está en posición implosiva, gráfase como m se lle segue b ou p dentro da mesma palabra, e como n en todos os demais casos: camba, ambos, campo, tempo; pero non bebe, nin pode, convén, inverno, ensinar, condenada, inmigrante, comunmente, alguén etc. En cultismos e préstamos o m pode aparecer tamén en posición final e diante doutras consoantes: álbum, amnesia.
A grafía nh
editarO dígrafo nh representa a consoante nasal velar en posición interior antevocálica: unha, algunha, ningunha.
As grafías r e rr
editarEscríbese sempre r en posición inicial de palabra, en posición final de sílaba e cando segue a outra consoante (rei, cortar, outro, tres, xenro, honra). En posición intervocálica hai oposición /ɾ/ e /r/,que se traduce graficamente por r/rr (caro/carro, fero/ferro). Cando a unha palabra que empeza por r se lle antepón outra ou un prefixo rematados en vogal, non separados dela por guión, hai que duplicar a consoante: rítmico/monorrítmico, rogativa/prerrogativa, redor/arredor, románico/iberorrománico.
A grafía x
editarO grafema x ten máis dun valor en galego: nas palabras patrimoniais pronúnciase prepalatal fricativo xordo (eixe, madeixa, xente, xaneiro); nos cultismos conserva o valor latino de [ks] (sexo, taxativo). Pero a tendencia normal da lingua é pronunciar nestes casos [s] (aproximar, exame, éxito etc.), especialmente cando vai en posición implosiva (exterior, externo). Para a adaptación gráfica de palabras cultas con x [ks], véxase 7.7.