Normativa oficial do galego - O artigo

Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

14. O artigo

editar

O artigo determinado

editar

Formas

editar

O artigo determinado presenta en galego as seguintes formas:

MASCULINO FEMININO
SINGULAR  o  a
PLURAL  os  as

Existe tamén unha variante alomórfica lo, la,los, las, que é de uso obrigatorio tras da preposición por (vai polo carreiro) e do adverbio u (ant. *ub) (u-lo libro?).

Ademais de nos casos mencionados, pódense representar na escrita as variantes lo, la, los las nos seguintes contextos:

a) Despois de infinitivo, das formas verbais conxugadas que rematen en -r ou -s e dos pronomes enclíticos nos, vos e lles: vou colle-las laranxas, perdíche-los cartos, collémo-lo saco, ti e-lo demo, xa sábe-lo que pasou, tomóuno-lo pelo, dóuvo-la boneca, quitóulle-las ganas de rir.

b) Despois dos pronomes tónicos nós e vós cando van seguidos dunha precisión numérica: nó-los dous, vó-los sete.

c) Despois de ambos, entrambos e todos, cos seus femininos, da preposición tras, da conxunción copulativa (e) mais: ámbalas dúas, fixérono entrámbolos dous, tódolos días e tódalas noites, estalle tralos montes de acolá, fomos eu e mailo fillo do señor Miguel.

A asimilación indicada en a) e b) pode non darse se despois da palabra rematada en –r ou en -s hai unha pausa.

Aínda que non se represente graficamente, a única pronunciación recomendable é a que reproduce a segunda forma nos contextos sinalados: vender a casa [ben’dela’kasa].

Contraccións

editar

Contraccións coas preposicións

editar

As preposicións a, con, de e en contraen co artigo

  Artigo
Preposición
O A OS AS
A ao / ó á aos / ós ás
CON co coa cos coas
DE do da dos das
EN no na nos nas

O encontro da preposición a co artigo masculino o(s) resólvese graficamente como ao(s) ou ó(s). A pronuncia correcta, sexa cal for a súa presentación, é [ɔs], que é a única que se rexistra en practicamente todo o dominio lingüístico galego.

Para a concorrencia da preposición por cos artigos determinados, véxase 14.1.1.

Estas contraccións realízanse tamén cando o artigo dos topónimos vai precedido dunha destas preposicións: veño da Coruña, estou na Pobra do Caramiñal, vou ao Carballiño.

Estas contraccións non se realizan cando a preposición non rexe o substantivo determinado polo artigo: antes de os galos cantaren.

Encontro do artigo coa conxunción comparativa ca

editar

O encontro da conxunción comparativa ca co artigo determinado represéntase ca o(s), ca a(s) ou có(s), cá(s): é máis ruín ca o / có demo, Betanzos é máis pequeno ca a / cá Coruña, aínda que a pronuncia xeral é [kɔ], [ka].

De adoptárense as formas contractas, escríbense con acento para marcar a diferenza de articulación entre co (con + o) e có (ca + o), cos e cós, ca (conxunción) e cá (ca + a), cás. Así, debemos escribir dálle co meu, pero é máis grande có meu; é máis vello ca min, pero é máis vello cá miña etc.

Cando a conxunción vai seguida da preposición a non se representa a contracción na lingua escrita, aínda que de feito se realice na fala: quéreme máis a min ca a ti. Consecuentemente, tampouco se representa a contracción cando a preposición vai contraída co artigo: quérolle ao meu fillo máis ca ao de ninguén, caeulle máis auga á nosa ca á deles.

Cómpre sinalar que nos estamos a referir só ás contraccións da conxunción comparativa ca, non ás de que, que non se representan nunca na lingua escrita, nin cando ten valor comparativo nin con calquera outro: sábeme mellor a laranxa que o limón, deilles aos meus nenos máis que aos de Felisa, díxome que o teu é peor, é máis novo do que o meu.

O artigo indeterminado

editar

Formas

editar

O artigo indeterminado presenta as seguintes formas:

MASCULINO FEMININO
SINGULAR  un  unha
PLURAL  uns  unhas

Contraccións

editar

As preposicións con, de e en contraen co artigo indeterminado:

   ART.
PREP.
UN UNHA UNS UNHAS
CON  cun  cunha  cuns  cunhas
DE  dun  dunha  duns  dunhas
EN  nun  nunha  nuns  nunhas

Se a preposición non forma parte da mesma frase ca o artigo, non se realiza a contracción: de un médico estar alí, salvaríalle a vida (= de estar alí un médico, salvaríalle a vida).

Para a resolución dos encontros das preposicións con, de e en co numeral e indefinido un, véxase 15.4.3 e 16.1.