Normativa oficial do galego - Outras particularidades

Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

10. Outras particularidades

editar

Alternancia cua-/ca-/co-; gua-/ga-/go-

editar

Nas palabras patrimoniais o galego mostrou sempre tendencia a eliminar o elemento labiovelar u dos grupos orixinarios qua-, gua-, a semellanza do francés e en contra do que sucede en portugués e en castelán, que tenderon a conservalo. En galego hai tamén zonas que manteñen o grupo orixinario; pero demográfica e literariamente é moito máis usada a solución que perdeu o u, de aí que a escolla se resolva a favor deste resultado tanto nas palabras patrimoniais coma nas cultas máis popularizadas.

Aparece ca- en caderna, caderno, cadrado, cadrar, cadrelo,cadril, cadro, cal, calidade, calquera, cando, cantidade, canto, cartos ‘diñeiro’, case, casemente, catorce, catro, catrocentos.

Aparece cua- nos cultismos e, en xeral, nas palabras derivadas cultas. Así, cuadr- (cuadrangular, cuadrante, cuadratura, cuadraxesimal, cuadraxésimo, cuadrícula, cuadrienal, cuadrienio, cuadriforme, cuadriga, cuadrilátero, cuadrilla, cuadrilleiro, cuadrimestre, cuadrimotor, cuadriplicar, cuadrisílabo, cuadrivio, cuadrúpede, cuádruplo, escuadra), cual- (cualificar, cualitativo), cuant- (cuantía) -ao lado de contía-, cuantificación, cuantificar, cuantioso, cuantitativo),cuart- (cuarta, cuartear, cuarteirón, cuartel, cuarteleiro, cuarteto, cuartilla, cuartillo, cuarto ‘1/4 parte’ ‘dependencia’) e cuater- (cuaternario). Tamén as palabras cuáquero, cuarzo, cuasia e cuasina.

Un caso especial de evolución témolo nas formas corenta, corentena, corentón e coresma, onde o ditongo ua se reduciu a o; o mesmo ocorre en corta feira (ou cuartafeira) ‘mércores’.

Hai outras formas que tiñan orixinariamente o grupo coa-,que se reduciu a ca-, como no grupo cua- xa citado: callada, callado, callar, calleira, calleiro, callo ‘presoiro’. O grupo coa mantense nos cultismos: coagulable, coagulante, coagulación,coagular, coágulo. Aparece ga- en gadaña, gadaño, galardón, galdrapo, garda, gardar, gardián. Tamén en préstamos como garantía, garantir, garita etc.

Noutras palabras aparece gua-: guante, guapo, guata.

E, finalmente, a solución go- aparece en gorir (tamén guarir), gorecer (tamén guarecer), gornecer (tamén guarnecer).

Os derivados e compostos manteñen a evolución da palabra primitiva sobre a que se forman. Por tanto, agardar, gadañar,gadañeiro, gardabarreira, gardalama, gardarríos, gardarroupa etc.; garda civil, garda forestal, garda mariña etc.; gornición (tamén guarnición); gorida (tamén guarida) etc.

Ditongo oi

editar

O ditongo resultante das secuencias latinas a) O*CT; b) OÛCT, U*CT, UÛCT, U*LT; c) ORI + vogal, URI + vogal na maior parte do territorio galego é oi: a) noite, oito; b) troita, loita, froita, loito, moito; c) coiro, lavadoiro, vasoira, agoiro.

Con todo, existen zonas reducidas en que se dan outros resultados: unha zona do occidente da Coruña presenta sempre ui (nuite; luita, muito; lavaduiro, varreduiro etc.); o sur de Pontevedra presenta tres resultados, segundo os casos: a) oi: noite; b) ui: luitar, muito; c) ou: vasoura; na franxa máis oriental do dominio lingüístico galego alternan dúas solucións: a) oi: noite; b) ui: luitar, muito -con puntos de u, muto e mutio, escutare escutiar-; c) oi: vasoira, coiro.

Adóptase como normativa a solución oi entodos os casos por ser maioritaria demográfica e xeograficamente e por ser a máis difundida na tradición literaria moderna: coitelo, enxoito,froita, loita, moi, moito, troita, varredoiro, vasoira etc. E así tamén en coidar, coita, coitado etc.

Ditongos ou/oi

editar

O galego mantén diferenciados os ditongos ou e oi, de acordo coas súas diferentes orixes: ou < AU, AL + cons. etc. (cousa, louro, ouro, pouco, tesouro, touro; couce,fouce, outro, souto; dous), oi < OCT, UCT,U*LT, ORI + vogal, URI + vogal (oito, noite; troita, loita; moito, voitre; coiro, lavadoiro, tesoira, vasoira; agoiro etc. vide 10.2).

Ditongos ie, ue

editar

As secuencias latinas -IE- e -UE- en palabras cultas mantéñense en galego como ie e ue, respectivamente: aliciente, ambiente, ciencia, cliente, coeficiente, conciencia, conveniencia, conveniente, deficiencia, deficiente, eficiencia, eficiente, estupefaciente, expediente, experiencia, incipiente, inconveniente, obediencia, obediente, omnisciencia, paciencia, sapiencia, sobresaliente, suficiente etc.; afluencia, afluente, anuencia, anuente, congruencia, congruente, delincuencia, delincuente, elocuencia, elocuente, secuela, secuestro etc. (cf. 9.1 e 9.3).

Disimilación, metátese e epéntese de r

editar

O r mantén, en xeral, a súa posición etimolóxica dentro da palabra, independentemente das síncopes vocálicas: prado (< PRATUM), cabra (< CAPRAM), disfrazar, labrar (< LABORARE), Carlos (< CAROLUS), merla (< MERULAM), tenro (< TENERUM), xenro (< GENERUM), venres (< VENERIS). Hai, con todo, casos de metáteses xa consumadas: bradar (< BALATRARE), prebe (< PIPER), preguiza (< PIGRITIAM), burgo (< BRUCHUM).

Preguntar é a forma máis documentada na Idade Media e maioritaria no galego moderno; correspóndese ademais co étimo *PRAECUNCTARE. Debe ser, por tanto, a normativa.

Esporadicamente algunhas palabras perderon o r interno por disimilación con outro r dentro da mesma palabra (arado,frade, madrasta, padrasto, rodo, e mesmo o semicultismo propio, do lat. PROPRIUM, e derivados, documentado maioritariamente sen o segundo r xa naépoca medieval). Fronte a estes casos de perda por disimilación, en xeral houbo unha tendencia á conservación da consoante, e por iso temos hoxe arrastrar, rastro, rexistrar, rexistro, rostro etc.

Encontros vocálicos.

editar

Na lingua escrita do século XIX e da primeira metade do século XX era frecuente o uso do apóstrofo para representer certas elisións vocálicas que se producen ao se encontraren a vogal final dunha palabra e a inicial de seguinte, cando pertencen ao mesmo grupo fónico. Na ortografía actual non se utiliza o apóstrofo, e nos casos de elisión optouse ou ben pola amálgama das súas palabras (do, no, deste, naquel...) ou ben pola grafía plena de cada unha delas (entre as árbores). Aínda que non se represente graficamente este fenómeno, as palabras que acaban en –e, especialmente as gramaticais, perden na fala a vogal final cando van seguidas doutra palabra que comeza por vogal (vid. 6):