Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 2. Marco teórico
Por unha banda, un dos criterios que influirán na forma galega das palabras que proceden do árabe ou de calquera outra lingua é o de manter unha fidelidade á lingua orixinal ou a adaptación á estrutura do galego. O galego e o árabe están emparentados lingüísticamente, pero afastados dabondo entre si como para que estes dous criterios poidan considerarse coma opostos.
Por outra banda, tanto a lingua escrita como a lingua oral poden ser a base de partida, o cal pode producir oscilacións (Frías Conde 2006:123), que no caso do árabe en comparación co galego afecta fortemente ás vogais. Mentres que o mecanismo baseado na lingua oral se chama comunmente transcrición, os modelos baseados na escrita descríbense co termo de transliteración (ou transcrición grafémica). Esta denominación utilízase fundamentalmente cando os modelos de adaptación se basean en alfabetos distintos do galego. Cando o alfabeto da lingua orixinal é o latino (ou algunha das súas variantes) normalmente non recibe ningún destes nomes: en realidade, como en galego tamén usamos o alfabeto latino, o proceso non consiste máis que na importación ou perda dos diacríticos da lingua orixinal. En termos xerais, se o alfabeto ao que se verquen as palabras é o latino fálase de romanización ou latinización (e, polo tanto, se fose o cirílico sería cirilización).
Combinando estes dous criterios teremos entón seis posibles filosofías de aplicación (adaptar ou fidelizar; e basearse na fala ou na escrita) en dúas situacións distintas (polo menos no que se refire á escrita).
Fidelidade | Adaptación | |
Oral | Transcrición fonética | Adaptación fonolóxica |
Escrita distinta | Transliteración | Adaptación escrita |
Escrita igual | Conservación de diacríticos | Perda de diacríticos |
A ausencia de biunivocidade entre grafema e fonema entre as linguas que usan a grafía latina ou a árabe (Corriente 2002:362), obriga a optar entre transliteración ou transcrición, pero outro factor fundamental na maneira de adoptar arabismos é o público ao que está destinado. Non é o mesmo que unha palabra teña que aparecer nun telexornal que nunha clase de Lingüística comparada, polo que se deben distinguir dous niveis, o divulgativo e o científico, na transmisión destas palabras adoptadas. En realidade, isto segue acontecendo no galego coa que segue sendo a lingua referente e unificadora da cultura no noso contexto, o latín: conceptos como fibela, tella ou carballo americano poden aparecer escritos como fibula, tegula ou Quercus rubra e Quercus borealis en segundo que contextos, cunha intención evidentemente distintas. A función divulgativa tende máis cara a unha adaptación oral, mentres que a orientación científica sofre a chamada "tiranía da letra", pois busca normalmente unha transcrición exacta, sempre segundo as denominacións dadas no cadro anterior. Aínda así, existen casos intermedios de combinacións distintas dos dous criterios anteriores como, por exemplo, a forma escrita tégula. Para ampliar este marco de traballo, hai moitos máis factores que afectan aos procesos de emigración das palabras desde un idioma a outro. Un dos máis determinantes son as posibilidades técnicas: pode resultar curioso, pero a simplicidade é un factor que inflúe poderosamente na súa aplicación práctica. Está claro que se en tódolos teclados estivesen dispoñibles tódolos diacríticos estarían máis estendidos no seu uso, pero o certo é que en certos contextos (o subtítulo dun telexornal ou a capa dun libro) resulta difícil ler grafemas especiais probablemente debido a problemas técnicos.
Outra influencia son as linguas intermediarias: este é un dos problemas máis acuciantes para o galego e outras moitas linguas na actualidade. Moitas destas palabras chegan a nós a través do francés e do inglés, co cal o que se adoita facer é copiar directamente a súa grafía. Porén, a ortografía e, sobre todo, a lectura destes idiomas son en certos aspectos moi diferentes das do galego, e as súas solucións pouco teñen que ver coas que son esperables por parte dun lector galego. O coñecemento da lingua orixinal (e en xeral do mundo árabe) para os galegos aparece normalmente desde a perspectiva da demonización ou do exotismo, pero poucas veces cunha profundidade superior á do estereotipo. O descoñecemento da súa cultura é un impedimento para acceder de xeito efectivo ás fontes árabes orixinais. Existen poboacións que utilizan practicamente a mesma lingua con diferentes variantes escritas: croata e serbio, hindí e urdú ou romanés e moldavo son culturas prácticamente iguais que establecen as súas diferenzas baseándose en boa medida na existencia de escritas distintas. Aínda así, o seu coñecemento mutuo é normalmente bastante elevado e contan cun sistema de transcrición biunívoco que lles permite evitar complicacións na transcrición e adaptación. Se hai pouca distancia lingüística, pode darse o caso de transparencia significativa e provocar unha tradución semántica. Canto á diferenza nos criterios metaortográficos, é obvio que a ortografía árabe e a galega non teñen as mesmas normas xa que tratan con distintos grafemas. Trátase de que os criterios que definen as normas ortográficas son diferentes: por exemplo, no árabe o artigo escríbese proclítico ao substantivo ou no romanés vai enclítico, mentres que no galego forma un palabra gráfica diferenciada. A opción dun criterio de fiabilidade escrita para o galego debe dar conta de criterios ortográficos distintos dos habituais nosa lingua. Un último factor que comentaremos é a época de entrada na lingua e a tradición. Xa comezamos a nosa exposición con dous exemplos que están afianzados na nosa lingua de hai tempo. Hai casos intermedios nos que a introdución é recente e a forma definitiva non está aínda ben asentada, polo que pretendemos fornecer dun instrumento sistemático para decantalos. A nosa proposta restrínxese aos neoloxismos de nova incorporación, aínda que comentaremos algúns dos máis recentes.
Moitos outros factores máis poden gobernar esta práctica (cf. Corriente 2002:363), pero consideramos que os catro primeiros factores son determinantes no resultado da adopción: xa que logo, a escolla tomada no caso dos dous primeiros e a consideración da influencia de factores técnico-tipográficos e de contexto da divulgación serán as bases teóricas sobre as que se asente esta proposta.