Abrir o menú principal

Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.2. Transliteracións internacionais

Varios son os métodos de transliteración que se propuxeron para o árabe, debido a que este proceso é imprescindible desde diferentes puntos de vista, desde traballos lingüísticos e cartográficos ata o censo ou a catalogación de obras árabes en grafía latina. Entendemos que o marco teórico que permite interpretalos en conxunto é o de Corriente (2002), onde intuitivamente os clasifica en dous grupos: os sistemas que utilizan diacríticos (puntos, raias e semicirculos subscritos ou suprascritos) e os que se serven de dígrafos (ou digramas), aos que nós engadimos se establecen contraste entre maiúsculas e minúsculas no resultado da transliteración. Repasaremos aquí brevemente unha bibliografía dos casos máis accesibles e as súas características xerais, explicitando a que grupo pertence (para comparar en conxunto as tres primeiras remitimos ao lector ao documento da páxina web <http://transliteration.eki.ee/pdf/Arabic.pdf>. Presentamos tamén unha táboa resume coas características dos sistemas nomeados, xunto coas do AFI (1) e o X-SAMPA (2).

O primeiro mecanismo de transliteración que merece mención (v. 3) é a norma internacional ISO 233-2 de 1961 modificada pola disposición de 1984, que utiliza só diacríticos e minúsculas e se inspira nos caracteres básicos do AFI e na tradición transliteradora centroeuropea de finais do século XIX (cf. Corriente 2002:364). Outro organismo internacional que se interesou na normalización da transliteración foi a Sección española de Cultura da UNESCO, que estableceu un index translationum para uso propio (4) e non usa nin diacríticos nin maiúsculas. Dentro da mesma ONU, o Servizo de tradución ao castelán creou en 2004 un Manual do Tradutor pero só tivemos acceso á versión que inclúe as 15 primeiras letras. Polo que deducimos da táboa e da transliteración dos meses que inclúen, só utiliza dígrafos.

Dentro dos sistemas instaurados por institucións normalizadoras pero a nivel nacional, cómpre mencionar a prestixiosa norma DIN 31635 do ano 1982, que usa diacríticos sobre minúsculas (5). O exército estadounidense usa o Standard Technical Arabic Transliteration System (SATTS), que utiliza só letras maiúsculas sen diacríticos nin dígrafos (6), as veces un tanto arbitrariamente. Outro organismo público que ten o seu propio sistema é a Biblioteca do Congreso dos EE.UU.

Coas mesmas características pero no ámbito privado existe o método Buckwalter usado na empresa Xerox (7), mentres que a British Enciclopaedia (8) utiliza un sistema con diacríticos e dígrafos para minúsculas. Corriente (2006:364) comenta que as dúas correntes transliteradoras que se asentaron no século XX foron a centroeuropea (9) e a anglosaxona (10). A primeira usa de diacríticos sen dígrafos mentres que a segunda faino á inversa.

Xa no ámbito hispánico, a chamada Escola de arabistas españoles seguiu os camiños do sistema proposto por Asín a comezos do século XX (Corriente 2002:365-366), que tamén bota man só dos diacríticos pero supostamente adaptándoos ao castelán. Busquets (1970) tira partido da máquina de escribir para igualmente usar só diacríticos (11). Méndez (1997) fornece unha proposta da tradición hispánica (12) que evita os diacríticos e as maiúsculas pero con dígrafos. O propio Corriente (1988:21) aproveita só os diacríticos (13) oscilando nas súas asignacións (cf. (14) en 1988:21 e 1997), aínda que avoga por usar algunha das correntes maioritarias: porén, recoñece que para o envío de mensaxes por correo electrónico (15) prescinde dos diacríticos e utiliza maiúsculas, dígrafos e outros símbolos ASCII (2002:368).

No resto da península, Machado (1991:9) na súa proposta para o portugués (16) tira rendemento só do carácter distintivo das maiúsculas (sempre que non se considere <Ç> como un carácter con diacrítico), mentres que deducimos (non puidemos acceder a toda a táboa) que o sistema empregado por Carbonell ou Castells (2003) para o catalán (17) aproveita igualmente as maiúsculas, pero tamén os dígrafos. Por último, Frías (2000:159) utiliza no ámbito galego un sistema de transliteración baseado en diacríticos (18), aínda que para o árabe medieval.

1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18
uso de diacríticos + - + + + - - + + - + - + + - - - +
uso de dígrafos - + - + - - - + - + - + - - + - + -
diferenza entre maiúsculas e minúsculas s s s s s s



Páxina inicial
Artigo completo para descargar como PDF
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 1. Introdución
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 2. Marco teórico
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 3. A lingua de partida
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4. Antecedentes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.1. Transcrición fonética
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.2. Transliteracións internacionais
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.3. Transcricións fonolóxicas ao galego
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5. Metodoloxía
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1. Proposta de transliteración
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.1. Vogais e semiconsoantes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.2. Consoantes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.3. Notas sobre ortografía árabe
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.2. Transcrición á fonoloxía galega
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.3. Adaptación á ortografía galega da transcrición fonolóxica
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6. Aplicación
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.1. Nomes das letras
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.2. Lingua e literatura
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.3. Vestimenta
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.4. Xeografía física
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 7. Referencias bibliográficas